A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional destinará un total de 553.000 euros para axudar a sufragar, no actual curso académico 2018-2019, o custo dos comedores escolares xestionados polas Anpas.

O departamento autonómico financia ata un máximo do 50% do custo do servizo do comedor do centro escolar correspondente. As axudas, que se outorgarán en réxime de concorrencia competitiva, poderán ser empregadas para sufragar o custo diario do menú por comensal e polos días de asistencia destes ao comedor, así como, se é o caso, a vixilancia e coidado do alumnado durante o uso do comedor.

Tamén poden destinarse a costear os gastos orixinados pola contratación de persoal para atender ao alumnado con necesidades específicas e os derivados da contratación de pólizas de seguro vinculadas directamente á prestación do servizo de comedor escolar. O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou as bases desta convocatoria e as solicitudes para acceder a estas bolsas deberán presentarse, preferiblemente, por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.es. O prazo para poder facelo rematará o próximo luns.