O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, fixo onte entrega do XVII Premio de Poesía Afundación a Miguel Sande pola súa obra Os filósofos xa non brindan con cicuta. O galardón está promovido por Afundación, a Xunta e o Centro PEN Galicia co obxectivo de alentar a creación poética e enriquecer a produción literaria en galego.

A obra gañadora está escrita desde unha memoria actualizada e esperanzadora. É unha visión do mundo e da condición humana serena e madura, pero tamén transgresora nas imaxes. O xurado destacou a súa expresión poética así como a impecable escritura e o depurado rexistro lingüístico.

Este galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Arcadio López Casanova ou Marilar Aleixandre.