O destino desta semana do programa Ribeiras de salitre da Televisión de Galicia (TVG) é Fisterra, onde comeza o mar. A súa confraría conta con 170 asociados, que traballan artes menores e mergullo, co polbo, a pescada, o longueirón e o ourizo como as especies de maior volume de venda na lonxa.

Nun día moi bravo no mar, o equipo do programa embarcará no Monte Naranco co patrón de pesca Alberto Moure para navegar rumbo ás Illas Lobeiras, a tres millas de Fisterra, onde vai largar os seus aparellos. X. H. Rivadulla Corcón tamén falará con Manolete Martínez, un dos patróns maiores con máis anos no cargo de Galicia, 17, o que fai que sexa un home moi experimentado na xestión de confrarías. En Fisterra hai un importante colectivo de mergulladores e mergulladoras que traballan nos fondos mariños, extraendo longueirón fundamentalmente, pero tamén navalla, ourizos e orella de mar. É un traballo dunha enorme esixencia física, para homes e mulleres apaixonados do oficio e do mar, como é o caso de Luís López.

Outro dos protagonistas do programa da TVG deste domingo será o poeta Alexandre Naerium, que tamén foi mariñeiro e hoxe guía do Museo da Pesca do Castelo de San Carlos. Con este polifacético home, os espectadores poderán indagar na alma colectiva dos homes e mulleres de Fisterra.

Pola súa parte, Agustín Traba Tinito, cuxa vida xira completamente arredor do mar, cociñará para o equipo de 'Ribeiras de Salitre' unha robaliza ao forno. Ademais, os espectadores escoitarán a voz de Laura de Fisterra, cuxa familia leva xeracións vivindo do mar, ao que lle canta cun sentimento moi especial.

'Zigzag'

Por outra banda, na edición deste domingo de Zigzag, tamén na canle autonómica galega, María Solar conversará con Ángel Santos, director artístico do Festival Novos Cinemas de Pontevedra, xa que a cidade do Lérez converterase nun punto de encontro para os amantes do cinema entre os próximos 11 e 16 de decembro. O certame reunirá a directores e directoras emerxentes do panorama internacional xunto con creadores e creadoras do cinema galego máis incipiente, recoñecidos nos mellores festivais do mundo.