A Xunta de Galicia destina un orzamento de 40.000€ ás axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do Programa comunitario Erasmus+ para o alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participa neste programa de mobilidade no curso 2020-2021. No curso 2019-2020 beneficiáronse delas un total de 38 estudantes.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados percibirán bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros ao mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe será de 195 euros ao mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Islandia, Irlanda, Luxemburgo, Suecia, Reino Unido, Liechtenstein e Noruega), de 165 euros ao mes para os do grupo 2 (Austria, Bélxica, Alemaña, Francia, Italia, Grecia, Chipre, Países Baixos, Malta e Portugal) e de 125 euros ao mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Croacia, República Checa, Estonia, Letonia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Serbia, Eslovaquia, Eslovenia, República de Macedonia do Norte e Turquía).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre os solicitantes que posúan unha maior media no seu expediente académico e asignaráselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento. O obxectivo desta convocatoria é facilitar a mobilidade do alumnado das ensinanzas artísticas, promovendo que adquiran experiencias formativas enriquecedoras en países diferentes do de orixe.

A solicitude da axuda deberá realizarse por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo para tramitalas estará aberto ata o 7 de xuño. Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2020-2021 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores de Galicia e ser beneficiario dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade neste mesmo ano académico xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación.