La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Novelista e autor de ‘Curros & Holmes’

Marcos Calveiro: “Nestes tempos distópicos, decidín xuntar a Curros, Holmes e Marx nunha novela”

“No confinamento, uns adicáronse a facer tartas e eu a escribir libros como este”

Marcos Calveiro, autor de ‘Curros Holmes’. | // ANXO CABADA

Sobre nós pesan dous anos de pandemia. Outra guerra avanza por Europa. Tínguese o ceo de pó sahariano. E arden os volcáns. Pero sempre nos quedará Sherlock Holmes. E mellor aínda cando Curros Enríquez se cruza no seu camiño, e mesmo aparece Karl Marx. Semellante trío de ases aporta maxia á obra Curros & Holmes no Misterio D’o Kapital (Editorial Galaxia) do escritor Marcos Calveiro: peza mestra de entretemento para días convulsos.

Como aparece na súa cabeza este cruce de camiños entre dous grandes investigadores?

Manuel Curros Enríquez escribía e tamén investigaba, e para calquera lector resultaba atractivo que se xuntase con Holmes. Temos a unha figura relevante da escritura universal que é Holmes, e a Curros como referente da nosa cultura.

Estaban destinados a atoparse en Londres?

Foi casualidade. Hai unha historia lendaria das estadías de Curros en Londres, exiliado meses con pouco máis de 20 anos. Os biógrafos non se poñen dacordo sobre si foi de paseo a coñecer mundo, aínda non fixera os artigos de prensa en Madrid. Sempre me gustaron as novelas de Holmes e estaba ben que tivese un axudante como Curros.

Que sabemos de Curros nesa cidade vitoriana?

Só temos datos soltos sobre a súa relación coa universidade, a súa vida nun apartamento alugado, que andaba polos museos investigando. Na obra decidín xuntar a un Curros que andaba perdido por Londres cun rapaz repugnante e sabelotodo no Museo Británico: Sherlock Holmes. Entón coñecen a Karl Marx cando escribe a segunda parte de Das Kapital. Marx padece o roubo desta obra, e Curros e Holmes bótanlle unha man para descubrir ao ladrón.

Curros é un mozo perdido en Londres que se atopa cun rapaz ‘sabelotodo’ no Museo Británico. Os dous axudarán a Marx a recuperar a segunda parte de ‘Das Kapital

decoration

É unha precuela da serie de Conan Doyle, como aquela película dun Sherlock adolescente (O segredo da pirámide)?

Podemos dicir que é unha precuela, porque aborda os tempos de mozo de Holmes —moito antes de cando foi inventado por Conan Doyle—. Moitos escritores abordaron posteriormente a súa figura, é un recurso habitual. E agardo que o meu libro teña continuidade nunha serie grazas á resposta dos lectores.

Que aporta Karl Marx a Curros & Holmes?

Aparece como vítima dun roubo. Pero despois dá a coñecer a Curros os praceres da cidade: os pubs londinenses, as pintas, as reunións políticas... Ofrécelle uns coñecementos politicos que co tempo Curros expresará dun xeito menos marxista.

Vostede documentouse sobre o Curros escritor e tamén sobre o seu carácter político.

Lin moito sobre ese Curros de 20 anos, e comprobei que eses coñecementos servíronlle despois como escritor. Nesta novela aparecen moitas reflexións que faría despois o Curros adulto, aparecen palabras de artigos, poemas que escribirá posteriormente pero que xa recita sendo un mozo sobre o que acontece en Gran Bretaña. O pouso da vida fíltrase nos seus poemas e escritos, e tardará 20 anos en saír.

É dicir, que vostede tivo que facer de Sherlock Holmes.

Pois supoño que si. Ademáis da investigación sobre Curros, volvín a reler as novelas de Sherlock Holmes. Insisto en que sobre a vida de Curros hai pouca información, os biógrafos dubidan dos motivos polos que chegou a Londres. Celso Emilio Ferreiro ficciona a súa estadía nesta cidade: di que se comunicaba cun crego londinense en latín xa que Curros non sabía inglés, e alí tivo contacto coa Igrexa Evanxelista. Co tempo foi un furibundo anticatólico e puido partir daí.

Necesitamos heroes e evasión nestes tempos distópicos?

Desde hai máis de dous anos vivimos estes tempos distópicos, nos que eu decidín xuntar a Manuel Curros Enríquez, Sherlock Holmes e Karl Marx nunha novela. A lectura é unha válvula de escape como as plataformas streaming para ver series. Se che din hai tempo que vivirías unha pandemia e outra guerra alucinarías. Eu levaba catro ou cinco anos sen escribir por motivos persoais. Tiven o peche do meu negocio de hostalería no confinamento. Uns adicáronse a facer tartas e eu decidín escribir esta novela.

“O detective de Sherlock Holmes sempre nos fascina porque é difícil de definir: iso engancha”

Neste Curros & Holmes teremos algún vilán como Moriarty?

Aparece o irmán de Sherlock, Mycroft Holmes. Pero non aparece Moriarty, que nesas datas non andaba por Londres... estaría en Escocia. Non o pensei en ningún momento, fixen unha presentacióndas personaxes e non hai un vilán... pero non o descarto para máis adiante.

Por que resulta tan fascinante Sherlock Holmes, 135 anos despois da súa creación?

Sherlock Holmes sempre nos fascina porque é difícil de definir: por iso ten encanto e misterio. Por iso nos engancha. Moitos escritores, películas e series de televisión volven a tratar o tema. Sherlock ten a lóxica e a razón que nos falta aos demáis. Ten frialdade, fronte a un Watson máis sensible, preocupado e empático. Holmes non se deixa levar polos sentimentos. Con el pasa como con certas cancións e películas, que son difíciles de definir pero enganchan.

A súa favorita desta serie de novelas de Conan Doyle?

O can de Baskerville, a primeira que me impactou. Esas rúas do Londres vitoriano sempre dan moito xogo, por onde paseaban Jack o Destripador ou a familia da Raíña Victoria. Na miña novela tamén aparecen algúns deses escenarios relevantes da época vitoriana e dos ambientes de Charles Dickens. Esa parte histórica de Londres case non mudou, podes pasear por Chelsea ou Mayfair que non cambiaron. Son os mesmos lugares, a sociedade multicultural que xa tiña o gran imperio británico, os rigores da etiqueta e o clasismo, os ricos e os pobres.

Este libro formará parte dunha saga de literatura xuvenil?

Non está encadernado nunha colección en concreto, queremos que sexa para calquera lector. É un Curros distinto e irreverente. Hai aventura, evasión, detectives, crimes e política con Karl Marx.

E virá Holmes a Galicia?

Non contaba, pero me dás unha idea e non a descarto: Holmes entrando polo porto da Coruña.

"O maior éxito do libro sería que lesen máis a Enríquez”

Á hora de escribir esta novela, deixouse levar polo espíritu dalgún Holmes en particular?

Procurei escapar especialmente de calquera influencia doutras versións, series ou películas. Recoñezo que sinto gran predilección pola película O segredo da pirámide (Barry Levinson, 1985). E volvín a vela. Pero por exemplo, o gorro de Holmes non pertence ao canon de Doyle senón a unha obra de teatro e despois mantívose no cine. Si que é certo que Holmes fumaba, e así aparece nun momento determinado.

E a particular relación deste detective coas drogas tamén aparece no seu libro?

Saen uns aficionados a tomar láudano. Pero esta droga consumíase moito na época vitoriana, ao igual que a cocaína.

Considera necesaria a recuperación dos nosos heroes literarios como Curros Enríquez (Celanova,1851-La Habana, 1908).

Totalmente. Ese Curros Enríquez xa maduro, un home de longa barba con monóculo. Encantaríame que Curros tivese máis lectores, e o maior éxito desta novela sería que a xente lese máis a Curros Enríquez.

Veremos algúns versos del de forma literal en Curros & Holmes?

Cando chega ve a primeira máquina de vapor en Londres, Curros pronuncia os versos que despois recitará coa chegada do tren a Ourense. —Ese poema Na chegada a Ourense da primeira locomotora iníciase cos seguintes versos: “Vela aí vén,vela aí vén avantando cómaros e corgas, e vales, e cerros. ¡Vinde vela, mociños e mozas! ¡Saludáina, rapaces e vellos!”—. Tamén hai discusións políticas con Marx que forman parte dos seus textos.

Ten máis proxectos agora?

O ano pasado publiquei outro libro noutra editorial, (Todos fomos, Xerais) e despois de sacar Curros & Holmes teño outro proxecto pendente que aínda gardarei no misterio.

Compartir el artículo

stats