La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A euforia musical chámase Banda Bacana

O macroproxecto de sons afrolatinos con versos en galego, portugués e castelán estrearase no Náutico de San Vicente

Os integrantes da Banda Bacana nos ensaios destes días previos ao concerto. | // LA OPINIÓN

Na era da desesperación, baila. Cando os días se alongan ata máis alá das 21.00 horas, baila. Mentras avanzan os tolos Anos 20, baila aínda máis. Con semellante lema de vida, apropiado para In the Darkest Hour como diría Churchill, chega a Banda Bacana. Así se chama a última proposta de euforia musical, chea de expectativas. A formación aínda non publicou o seu primeiro disco, leva meses de ensaios pero une a algúns dos principais talentos da música galega con raíces no afrolatino. Para coñecelos, haberá que esperar ao seu primeiro concerto o 16 de abril. Nada menos que no Náutico de San Vicente ( O Grove), por todo o alto.

Integrada por oito músicos chegados de toda Galicia, a Banda Bacana apoia versos en galego, portugués e castelán sobre música afrolatina. Naceu como inicativa de Fran Troncoso, Adrián Saavedra e Félix Rodríguez. E despois uníronse Diana Tarín, Sabela Caamaño, Javier Pereiro GDJazz, Xiana Naval e Pablo Paz. Levan xa un ano de ensaios para poder levar o seu primeiro concerto nese Sábado Santo ao Náutico: “Sempre tivemos unha gran paixón polos ritmos afrolatinos, caribeños, sudamericanos... e atopamos a oportunidade de misturar esta música con poemas en galego, portugués e algo de castelán”.

Con composición musical de Adrián Saavedra, as bases parten da percusión afrolatina, incorpóranse metais de tradición europea, e tamén aparece a galega co acordeón. Explica Fran Troncoso que “descubrimos moita conexión a partir de tradicións aparentemente alonxadas, con ritmos de tambores africanos ao final pode montarse case unha foliada ou unha muiñeira”.

Ao longo desta semana, Banda Bacana empezará a subir nas redes como Facebook “pequenos fragmentos dalgúns temas “ para que os interesados poidan escoitalos. Entre os oito membros montan “un espectáculo de música e baile para gozar”, cos últimos preparativos nunha casa de Vila de Cruces (norte de Pontevedra).

Máis alá “do mainstream da salsa ou o merengue”, o grupo indaga en ritmos primixenios como o vallenato de Colombia ou a cumbia tradicional, xéneros do norte de Brasil, os festejos afroperuanos, os carnavais afrochilenos... ata chegar ás propias raíces galegas montadas en metal e acordeóns.

E as letras adaptan os poemas de pioneiras do feminismo, como a portuguesa Florbela Espanca (1894-1930), a española nacida en Cuba Gertrudis Gómez de Avellaneda (1814-1873) e a tamén lusa Judite Teixeira (1880-1959). Tamén aparecen versos de Luis Amado Carballo, Amador Montenegro... Por exemplo, a canción As tecras igualitarias parte dunha fábula de Montenegro sobre a igualdade, a través das teclas negras e brancas dun piano. Que es tu musicaliza A minha amante de Teixeira. E Falade galego procede do poema homónimo de Eduardo Pondal.

O debut no Náutico é considerado polo grupo como “unha gran oportunidade pois trátase do maior refuxio de artistas durante todo o ano, é unha sorte e unha marabilla”. Recalca Troncoso que “o noso proxecto é ambicioso porque somos moitos músicos, levaremos ao Náutico o noso estilo festivo, a alegría a unha paisaxe tan especial”. E recoñece que poder actuar no Náutico xa á primeira obedece á destacada carreira musical de cada un dos integrantes. Nunha sorte de Cream, pero na Galicia do século XXI. A cantante Diana Tarín procede de Cuba pero leva moitos anos asentada en Galicia, vinculada especialmente ao jazz desde Ourense. A acordeonista Sabela Caamaño ten o seu proxecto persoal no dúo folk Caamaño&Ameixeiras. Xiana Naval é a trombonista nun grupo de mulleres do metal pioneiro como Brassica Rapa.

O percusionista Pablo Paz ten formación clásica contemporánea, pero tamén con inquedanzas afrobrasileñas. O grupo complétase co produtor e músico Adrián Saavedra, o percusionista e creador de espectáculos teatrais Félix Rodríguez, Javier Pereiro GDJazz que pertence á Orquestra de Jazz de Galicia, e Fran Troncoso —con formación clásica en percusión, membro da Banda Municipal de A Coruña e de devoción jazzística—.

“No segundo ensaio xa tivemos unha conexión rapidísima, creamos un ambiente festivo para o baile e a alegría que pode encaixar tanto no Náutico como nun teatro”, explica Troncoso. E con procedencias tan diversas, comparten “a paixón pola música que nos leva a ensaiar xuntos cada domingo mañá e tarde”.

Esa alegría chega das súas mans no medio da pandemia, “porque decidimos que era o momento para facelo e saír adiante, pasase o que pasase”. A conexión coa música latina pertence a Galicia desde as primeiras verbenas ata os máis innovadores grupos actuais, “por todos eses galegos que emigraron a latinoamérica”. Recalca Troncoso que “os ritmos latinos beben dos tambores africanos, cunha base que pode ser perfectamente unha muiñeira... todo iso amosa a conexión de culturas tan alonxadas”.

A música percorre así un camiño de ida e volta, desde Galicia a Centroamérica, desde Portugal a Brasil. Poderá comprobarse ese 16 de abril ás 20.00 horas no Náutico de San Vicente con Banda Bacana.

Compartir el artículo

stats