La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Laxeiro ou a vida que non cesa

A Real Academia Galega das Belas Artes adica o Día das Artes Galegas a un artista máis humano que os humanos, cunha exposición de Xurxo Lobato

A exposición de Xurxo Lobato sobre Laxeiro inaugurábase este venres na Real Academia Galega das Belas Artes. // Víctor Echave CARLOS PARDELLAS

Noites de viño tinto na Galicia da década dos 80. No medio da alegría dunha taberna, Laxeiro improvisa debuxos con viño “nas táboas esbrancuxadas pola lixivia”. E como testemuña excepcional, alí estaba Felipe Senén para recordalo todo e contalo máis de 35 anos despois. O arqueólogo e secretario da Real Academia Galega de Belas Artes define a obra de Laxeiro como “unha performance permanente, levaba a inspiración posta”. Nos seus cadros en azuis e ocres, homes e mulleres tentaban saír á rúa máis humanos que os propios humanos. E semellante legado recoñécese este ano coa homenaxe do Día das Artes Galegas, a cargo dunha Ragba que onte inauguraba en A Coruña unha exposición sobre o pintor do Deza.

José Otero Abeledo (Lalín, 1908-Vigo, 1996), inmortalizado como Laxeiro, aparece nesta mostra fotográfica Acción Laxeiro retratado por Xurxo Lobato en dous momentos de creación. O primeiro corresponde a Santiago de Compostela no 28 de abril de 1987. Na Galería Trinta da rúa Nova, Laxeiro inaguraba exposición e decidía pintar en vivo e en directo o cadro de gran formato Aparición. Entre máis dun cento de invitados, asistían creadores plásticos como Xulio Maside, Felipe Criado ou Correa Corredoira. E en pouco máis dunha hora, un Laxeiro de case 80 anos enchía de vida un lienzo en branco co seu impresionismo.

A segunda parte da Acción Laxeiro, comisariada polo académico numerario da Ragba e fotógrafo Xurxo Lobato, corresponde a Vigo en 1993. Alí o artista pinta unha escaleira para o libro Galegos na escaleira do propio Lobato. Con esta nova actividade, a Real Academia afonda “nunha figura decisiva para o desenvolvemento e difusión da arte galega no século XX, cuxa obra moderna e renovadora que estivo sempre comprometida coa realidade do contexto sociocultural do seu tempo”.

O pintor e presidente desta entidade, Manuel Quintana Martelo que coñeceu ao homenaxeado no Vigo de 1971, relatou as súas primeiras andanzas artísticas, como acadou unha beca do concello de Lalín para realizar estudos de arte e como finalmente formou un grupo sen igual con Luis Seoane, Manuel Colmeiro ou Carlos Maside. Eran os recoñecidos como “renovadores da plástica galega”.

Toda a obra de Laxeiro perdura no tempo como unha conversa interminable co Mestre Mateo. As figuras eternas do Pórtico da Gloria saen da catedral de Santiago para entrar nos cadros de Laxeiro... e volver a saír cheos dunha vida que non cesa. Pero nos seus trazos tamén aparecen os arquetipos do rural galego, con fantasía e fabulación. Desde a Real Academia Galega de Belas Artes, a mostra pasará despois polo Centro Marcos Valcárcel da Deputación de Vigo, o Vello Cárcere do concello de Lugo e o museo municipal Ramón María Aller Ulloa en Lalín.

Quen mercou aquela Aparición do 87? O xornalista Xosé Ramón Pousa coa súa compañeira María Jesús Castro foron os afortunados, apalabrando o pezo xusto antes daquela realización en vivo e en directo: “E coa firma plasmada na tea, soaron os pechados aplausos dun público entregado”.

“Cando remataba de pintar, tocaba a pandeireta de ledicia”

En 1987, o proxecto Galicia a pé de foto integraba a varios fotógrafos de toda España para realizar un retrato colectivo de Galicia. Os froitos veríanse nun libro lanzado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) e Lunwerg Editores. Entre os obxectivos estaba o de Xurxo Lobato, encargado de persoeiros de cultura como Laxeiro. Citouse con el no seu estudo da rúa Príncipe de Vigo, e pola tarde acompañouno á compostelana Galería Trinta onde presenciou a xa lendaria action paiting. Seis anos despois, para a serie Galegos na escaleira Lobato reencontrouse con Laxeiro. Tiña que retratar ao artista subido a unha escada. Pero o pintor decidiu que xa pintaría el mesmo a propia escaleira. Recorda Xurxo Lobato que foi citado “no seu piso de Urzaiz en Vigo, e alí retratei o proceso creativo de Laxeiro pintando aquela escaleira”. Tan contento quedou o pintor que empezou a tocar a pandeireta de pura alegría. Así o lembra de novo Lobato: “Ao remate, para celebralo, púxose a tocar a pandeireta e máis a frauta da ledicia que tiña... era un Laxeiro en estado puro” . Sobre esta mostra de carácter itinerante, Lobato quere destacar que “ofrece unha mirada diferente ao redor do pintor, reflectindo unha versión humanizada e lúdica de Laxeiro, poderase ver unha imaxe del máis humana, máis auténtica, el era un home que coa súa actitude vital facía arte”.

Compartir el artículo

stats