Francisco Castro | Escritor, autor de ‘Isto si é un home’ e director xeral de Editorial Galaxia

“A represión das emocións coloca aos homes na testosterona e a barbarie”

“Eu tiven comportamentos machistas, como ser paternalista coas mulleres”

O escritor e director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro.   | // ALBA VILLAR

O escritor e director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro. | // ALBA VILLAR / patricia hermida

A crise da masculinidade déitase no diván a través do ensaio Isto si é un home (Galaxia) de Francisco Castro. O escritor, filósofo e director xeral da Editorial Galaxia lánzase con humor e valentía á autoanalise da sociedade patriarcal. Unha obra devorable e necesaria, pero non apta para machirulos.

Este libro é unha expiación polos pecados do machismo ou tamén escribiu as súas memorias?

Ten moito de crónica xeracional dos que nacimos no tardofranquismo e recibimos, no meu caso mitigado grazas a un pai de masculinidade disidente, os restos dunha educación patriarcal e machista. Ata que nos atopamos co feminismo, que nos causou cambios ideolóxicos e psicolóxicos.

Ten algo de terapia, entón.

Dun xeito irónico e con retranca, falo dos homes despistados ante o novo papel da muller. Non é un libro de autoaxuda pero pode levar a algúns a facer terapia, para obrigarlles a facer o que fixen eu: decantarme, rebelarme e pelexar ante os micromachismos.

O seu punto de partida é que os chicos non choran, como cantaban The Cure.

É unha protesta e unha reivindicación ante a educación que reprimiu as emocións dos homes, que nos coloca na testosterona e a barbarie. Os homes temos que chorar, debemos mostrarnos vulnerables. Porque amosar as emocións tamén é propio dun home, non nos resta masculinidade.

Vostede foi vítima de bullying.

Adico moitas páxinas ao meu barrio obreiro de Teis (Vigo), cos estragos de droga e a violencia no aire dun xeito transversal. Fun vítima dun acoso escolar moi organizado, coa complicidade de adultos que miraban a outro lado. Os abusóns abusan do feble. Por iso hai que dar a lección de apoiar ás vítimas.A violencia está totalmente naturalizada, forma parte da sociedade. Agora estamos máis sensibilizados, porque hai cousas que pasaban na miña infancia polas que hoxe en día retirarían a custodia. Melloramos pero persiste unha violencia estrutural tremenda sobre as mulleres.

Define ese contexto de machismo da súa infancia como “xente dura facendo burradas”.

O patriarcado é a esencia da violencia, vemos a relación entre a emancipación das mulleres e a reacción violenta contra elas. Unha formación como Vox quere sacar dos orzamentos ás vítimas de violencia de xénero. Si os señores de Vox queren sacar as axudas a pisos seguros para mulleres, serán complices de máis asasinatos.

Que comportamentos machistas tivo vostede?

Tiven moitas conductas machistas que consideraba que eran naturais, como ser moi paternalista coas mulleres. Non cheguei ao exceso de Will Smith, que amosou nos Óscar a masculinidade tóxica. Porque Will Smith lanzou aos homes a mensaxe de que as mulleres son menores de idade, e ás mulleres que necesitan un home que as defenda. Teño un fillo e unha filla, e ao principio podes dicirlle frases ao neno para que sexa un tío duro.

Na súa mocidade, un rapaz cravoulle un boli nun ollo e vostede púxolle petardos nunha bota.

Os nenos quedábamos para pelexar despois da clase, facíamos burradas como os siaeiros dos equipos. Era o xeito de facernos homes, unha preparación para a masculinidade como fumar aos nove anos ou ver revistas porno.

O ensaio está cheo de referencias pop, como Clint Eastwood.

Así explico que as mulleres poden exteriorizar sentimentos como a tenrura. Pero os homes só exteriorizan os sentimentos en conceptos de poder, como odio ou vinganza.

O patriarcado finalmente frustra aos homes.

Somos animais emocionais, pero nos castran con non expresar as emocións. Como cando a Billy Elliott non lle deixaban bailar.

“Eu son un chorón e iso non me resta virilidade, a última vez que chorei foi con Ucrania”

Hai machismos que quedaron atrás como que os bares sexan territorio de homes ou o alarde de pagar prostitución?

As mulleres si que gañaron espazos públicos, a miña rúa estaba chea de tabernas pero a miña nai carniceira non podía tomarse un tempo de ocio despois do traballo. Era un territorio vedado para as mulleres. Na prostitución non hai un alarde, pero hai máis que hai 30 anos. Os consumidores son máis novos e están máis tapados.

A muller continúa sendo un obxecto sexual nunha sociedade de consumo.

Son moi crítico cos medios de comunicación, en especial coa teleivisión onde ás presentadoras lles piden un físico... e en cambio eu podo ir aos debates sendo calvo e con barba cana.

Emprega moitas citas de autoras sobre feminismo.

Obviamente, e eu quero empezar a cubrir o oco de homes que falan de feminismo porque non hai referentes masculinos neste aspecto. Nas miñas redes, só as mulleres comentaron o meu libro agás un home. Eu remato o ensaio dicindo que son un chorón e iso non me resta virilidade. A última vez que chorei foi a noite do martes: no descurso de Zelenski conectaron coas imaxes de ucranianos que choraban amargamente mentras o escoitaban, e eu tamén chorei.

O cumio do machismo é o asasinato de mulleres.

A expresión máis brutal é o asasinato das mulleres, ou dos seus fillos na violencia vicaria. Hai formacións políticas que negan esta realidade. Parece que non é importante dicir violencia intrafamiliar en vez de violencia de xénero, pero para min é importante e sería unha decepción que o PP fixese o mesmo que Vox.

Tamén fala de Richard Gere.

Falan de Pretty Woman como unha historia fermosa cando Richard Gere é un putero. Meto moitas referencias pop: encantaríame dicir que a miña influencia é Joyce, pero en realidade é o rock and roll... ou as pelis do cine Roxy.

“Con Vox estamos igual que en 1936”

Se hai 20 anos alguén lle fala da pandemia, outra guerra en Europa, a ultradereita...

Cando arrancou 2020 escribín un artigo falando dos tolos anos 20, que nos esperaba unha época de expansión cultural e liberdade. E ao final con Vox estamos igual que en 1936, cun partido con plantexamentos machistas, homófobos e racistas... nunha debacle cultural e social que nos leva a terribles escenarios apocalípticos.

Agora os homes teñen unha responsabilidade, pois as mulleres xa se mobilizaron na rúa.

Temos que sumarnos a esas mobilizacións das mulleres, debemos ser compañeiros e dar un paso adiante. Trátase dun auténtico problema social. Hai anos as enquisas non falaban da violencia machista como un problema pese aos numerosos asasinatos, os xornais falaban de crimes paixonais e buscaban explicacións a todo.

De todos modos, o seu ensaio está escrito por un home que ocupa certo posto de poder.

E tanto na cultura como nos medios, na cabeza están sobre todo os homes. Temos que solucionar iso, son consciente. Desexo que se remate cos teitos de cristal. Cando cheguei á dirección xeral de Editorial Galaxia a finais de 2016, dixen que había que feminizar o catálogo e dar voces a escritoras. E estamos logrando ese equilibrio.

Como é un barrio de homes?

Non é algo orixinal de Vigo cando falo de Teis, tamén pasa en A Coruña con Montealto ou Os Maios, ou Belfast. Nunha película que vin o outro día, un home dicíalle a outro que non fose unha nenaza e espabilase. No imaxinario colectivo está que si es un home e padeces violencia debes responder con máis violencia. Por iso o actor Will Smith explicounos o outro día que é a masculinidade tóxica.

Suscríbete para seguir leyendo