La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Regreso a Córgomo: o pleno das Letras Galegas viaxará ata a vila do creador da ‘Galicia infinda’

A Real Academia Galega leva o acto do 17 de maio adicado a Delgado Gurriarán ata o concello de Vilamartín de Valdeorras

Florencio Delgado Gurriarán en Sargadelos, 1981. | // FAMILIA DELGADO GURRIARÁN

Máis de 30 graos marcaban onte os termómetros de Córgomo, cos seus cerca de 200 habitantes volcados no embelecemento da vila natal de Florencio Delgado Gurriarán. Neste lugar de Vilamartín de Valdeorras, celebrará a Real Academia Galega o acto central do Día das Letras Galegas adicado a este escritor ourensán. Segundo avanza a RAG, esa homenaxe do 17 de maio terá lugar na Aira dos Bolos: “Un lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do autor”.

Florencio Delgado no ‘Ipanema’ escapando de Francia. | // FAMILIA DELGADO

Consistirá en tres alocucións a cargo dos académicos Rosario Álvarez Blanco, Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Pechará o pleno o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e as intervencións poderán seguirse en directo dende academia.gal. A Real Academia insiste en que “a celebración será unha festa aberta a toda a veciñanza nun espazo onde se adoitaba xogar aos birlos, unha tradición que Delgado Gurriarán inmortalizou nas páxinas de Galicia infinda (1963)”.

Aqueles versos de Córgomo de Valdeorras rimaban así: Os bolos ralban louxados, a bola ralba penedos... É que xogan, mau a mau, o Severino i o Ferros, adicados por Delgado Gurriarán aos seus veciños xa desde o exilio en México (a onde chegou desde Francia no vapor Ipanema). Na Aira dos Bolos atópase ademais a Casa do Pobo, antiga tenda aldea que foi rexentada polo tío Manuel do escritor.

Na persoa de Delgado Gurriarán, a RAG rende homenaxe por primeira vez nas Letras Galegas á diáspora mexicana e á fala de Valdeorras.

Compartir el artículo

stats