La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Recuperación cultural en Galicia

Tempos de brindis para os museos galegos

Medran os visitantes despois do parón derivado da pandemia de coronavirus

Diálogo escolar coa Colección de Arte Fundación María José Jove. | // L.O.

Un interesado pola cultura galega podería percorrer a nosa comunidade saltando de museo en museo. Segundo os datos do Consello da Cultura Galega, este territorio conta con 85 espazos deste tipo: son o 5,6% do total de España. Este Día Internacional dos Museos tivo ademáis este mércores un maior motivo de celebración. O Consello da Cultura apunta que hai 3,1 museos por cada 100.000 habitantes (a media estatal é de 3,2). Pero debido á pandemia, entre 2018 e 2020 perdéronse 1,2 millóns de visitantes. Sen embargo, a Xunta recalca que xa se recuperaron os niveis anteriores á irrupción do coronavirus.

Participantes nunha visita guiada ao MEGA de Estrella Galicia. | // L.O.

Entre xaneiro e abril, xa asistiron máis de 100.000 persoas a estes centros segundo cifras da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Trataríase dun 15% máis que en 2021, e un dato similar ao de 2019. O responsable desta área autonómica, Román Rodríguez, visitaba este mércores o Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtaraes (Santiago de Compostela). E destacou os 103.000 visitantes no que vai de ano aos museos galegos, “o que pon de manifesto a importancia de seguir apoiando a rede museística para consolidar este éxito e fomentar o seu desenvolvemento”.

Unha vintena de proxectos de entidades locais e sen fin de lucro, titulares de museos, coleccións ou centros de interpretación participarán na nova liña de axudas autonómicas (200.000 euros). Os 85 espazos da rede museística galega ofrecen estes días visitas guiadas, música ou obradoiros. A Casa Emilia Pardo Bazán (A Coruña) tivo onte visitas gratis e agasallos da obra La Tribuna. E este sábado abrirá ata a hora das meigas, con percorridos dramatizados, saxofón, contacontos e coros.

Que ofrece Galicia polo Día Internacional dos Museos? O de Belas Artes da Coruña terá este sábado un concerto soul con Carla Green & The Demonds. O compostelán Gaiás ten un programa de visitas ata o domingo. Tamén en Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea guiará este xoves e o venres pola mostra Cruzamentos desde os almacéns ás salas de exposicións, e o das Peregrinacións ofrecerá o venres unha conferencia sonbre Percorrer o tempo (a mostra que pode verse a cargo de Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum, e Carla Andrade).

Os 85 espazos que hai que visitar

Tamén onte a Fundación María José Jove sumouse ao día e realizou unha dobre sesion con 50 alumnos do CEIP Alborada. Os rapaces puideron coñecer as pezas da Colección de Arte Fundación María José Jove.

Dos 85 museos cos que conta a rede galega, A Coruña dispón duns 40 na súa provincia. E nesta cidade atópanse o Museo de Arte Sacro de Santa María do Campo, a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, o Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, Domus-Casa do Home, Mundo Estrella Galicia (MEGA), a Casa das Ciencias, a Colección de Reloxos, o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, o de Belas Artes e o Militar. Son nada menos que a cuarta parte dos existentes en toda a provincia.


Compartir el artículo

stats