La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Música
Marcos Gendre Escritor e crítico musical, autor de ‘Discoteca Atlántica’

Galicia en 100 discos: “A nivel musical, Galicia sempre foi máis orixinal que Madrid e Barcelona”

“No meu ‘top 5’: Os Resentidos, Chicharrón, Malandrómeda, Emilio José e Golpes Bajos”

Marcos Gendre, autor de ‘Discoteca Atlántica’. | // ALBERTO PRADO

O tren que nos leva pola música galega parte dos grandísimos éxitos de Andrés do Barro e Juan Pardo. Cruza a popularidade de iconos como Los Tamara e Ana Kiro. Fai parada na estación punk de Siniestro Total e Los Resentidos, con trasbordo polo rock bravú.E chega feliz ao libérrimo século XXI con tanta diversidade como Chicharrón, Baiuca ou Triángulo de Amor Bizarro. Só Marcos Gendre, autor de polo menos unha trintena de ensaios musicais, podía viaxar por semellante historia a partir de Discoteca Atlántica (100 discos galegos 1970-2020): un libro a piques de saír con Editorial Galaxia. A nivel musical, e como diría Dorothy, non hai lugar como o fogar.

Como espeleólogo musical e a pesar dos seus coñecementos sobre os artistas galegos, sorprendeuse coa riqueza dos 100 discos?

Cando me embarco na obra dun artista, como aconteceu con Miles Davis, sempre pasa que canto máis coñeces... máis queda por coñecer. Entre as sorpresas que atopei cos discos galegos aparecen Xoan Anleo ou Ulobit: propostas de vangarda que eu descoñecía. Pasei nove anos vivindo en Barcelona, e aos cinco meses de regresar a Galicia me propoñían o libro. Foi a excusa ideal para adentrarme no momento actual tan rico e diverso da música galega. De feito, a metade dos discos deste libro son dos últimos sete anos. Vivimos unha época moi aberta con xente como Baiuca ou Mercedes Peón. Xa non hai un complexo de inferioridade no pop, podemos facer discos marabillosos: entre as dez propostas máis interesantes de España están Chicharrón, Malandrómeda e Emilio José.

É un regreso ás súas orixes?

Non quería facer unha simple lista e falei cos autores e produtores galegos, foi elaborado entre o verán de 2019 e setembro de 2020; aínda que a idea xa partía de 2016 cando como crítico de Rockdeluxe fixen un artigo sobre Malandrómeda (que quedou como mellor disco de España). Nas visitas aos concertos na Coruña e Santiago xa vía que sopraba aire fresco. En Cataluña e Madrid os grupos non estaban á última, senón á penúltima; e aquí había moita orixinalidade.

Que atopaba en Galicia, que non había en Madrid e Barcelona?

Podía comprobalo nos concertos e ao escribir artigos en Luzes ou Vinte (Praza Pública). En Madrid había dez grupos que querían facer o mesmo que funcionaba en Spotify. Galicia a nivel musical sempre foi máis orixinal que Madrid e Barcelona, cunha escena máis ampla que non depende de grandes cidades. Tes a Emilio José dun pobo de Ourense chamado Quins, ou a Chicharrón de Carballo. Galicia fai moitos concertos de diversos estilos, e con moitas asociacións cun traballo moi importante. E aquí tampouco hai unha estrutura de prensa musical tan mercantilizada como en Madrid ou Barcelona. Os galegos non están obrigados a facer cousas como os demáis, fan desde trap rural ao xiro electrónico de Sheila Patricia.

Galicia mantivo unha identidade pese a recibir correntes como o punk.

Un grupo como Siniestro Total xa no primeiro LP amosa a súa procedencia sen necesidade de cantar en galego. E a música de Manchester coa súa aura industrial ten moito en común cunha cidade como Vigo, onde se forman Golpes Bajos. Tampouco cantaban en galego pero a súa pesadumbre norteña era moi de aquí.

Andrés do Barro foi a nosa primeira estrela pop?

Houbo dúas estrelas por enriba de todo: Andrés do Barro e Juan Pardo. E despois tamén Los Tamara. O pop galego non estaría explicado sen eles. Tamén hai pioneiras como Mercedes Peón, Emilio Cao no folk, Carlos Ordóñez na música electrónica. E Ana Kiro, que aínda que non teña un disco entres estes 100 na introducción explico que foi un icono para Galicia e a emigración.

Aínda que nunha época fose case denostado, Juan Pardo é tan importante que moitos grupos de Granada soan como Los Brincos.

Hai que quitarse os prexuízos. Juan Pardo é moi reivindicable, no 75 fixo un disco en Jamaica (como os Rolling Stones) con estilo reggae. Los Punsettes reivindicaban hai dez anos a Julio Iglesias e nós debemos reivindicar a Juan Pardo.

O seu 'top 5' de discos galegos?

A lista é para descubrir, non para estar dacordo. A miña: Los Resentidos con Vigo, Capital Lisboa, dous de Malandrómeda, Agricultura Libre de Emilio José, Postal de Chicharrón e Santa Compaña de Golpes Bajos.

E os máis vendidos?

Juan Pardo, Los Tamara e Andrés do Barro: levaron a Galicia fóra de Galicia. O maior hito da música galega dos 70 foi O Tren como número 1 na España de Franco. E Ana Kiro, claro.

O punk ten un especial impacto en Galicia. Polo seu espírito de loita obreira ou pola nosa retranca?

A retranca é básica para entender o punk galego. A parte máis crítica estaba no punk radical vasco. Pero aquí tiñamos a Siniestro Total, que é retranca lisérxica: son tan politicamente incorrectos que non teñen que criticar nada. Pero sempre houbo música contestaria ou de trincheira noutras propostas, como Das Kapital e a súa música industrial. Ou Os Resentidos, contestarios, postpunk, con retranca e con uso do galego.

"Siniestro total é pura retranca lisérxica"

decoration

O impacto do rock bravú chega en parte grazas á difusión da TVG.

A TVG tivo un punto de inflexión moi importante, xa coas primeiras actuacións de Aerolíneas Federales e Os Resentidos. E a xeración máis underground da Galicia dos 2000, a máis bizarra, estaba marcada por esa infancia vendo a Herdeiros da Crus no Xabarín. Nacía a dinámica progresiva de quitarse o medo, ata chegar a Crnds na electrónica.

Tamén desde mediados dos 90 temos un indie galego, pero cantado en castelán.

Son grupos indies que cantan en castelán en Galicia, e en inglés en España. Querían parecerse o máximo posible aos seus referentes, e parecían sentir vergoña de cantar en galego aquí e en castelán en España.

Chegamos á gran riqueza da música actual. Tanxugueiras é a punta dun iceberg formado por Baiuca ou Mercedes Peón.

O fenómeno das Tanxugueiras xurdiu por cuestións moi concretas como Eurovisión. Pero a este proceso de culminación chegamos grazas ao traballo de moitos anos de xente como Baiuca, Emilio Cao ou Mercedes Peón. Estes artistas amosan a evolución da innovación. Os grupos que menciono e outros como Malandrómeda son os que perdurarán, e os que serán realmente os referentes para outros grupos.

“Se os de Triángulo de Amor Bizarro fosen madrileños terían cinco veces máis éxito: son incribles”

O galego é usado agora pola gran maioría dos nosos músicos que triunfan a nivel internacional. Pero nos 80 só o atopábamos no folk, Los Resentidos e pouco máis. E xa en 1990 cando nacen Os Diplomáticos de Monte Alto.

Nesta selección de discos, a partir de 2010 atopamos numerosos discos pop cantados en galego (nos 80 ese estilo pertencía a Aerolíneas Federales e Golpes Bajos pero en castelán). O uso foi chegando da forma máis natural, Chicharrón canta en galego e Apenino pasou do castelán ao galego. É unha dinámica progresiva, non atopo unha razón, pero agora do máis interesante que sae está en galego.

Que me di dun grupazo como Triángulo de Amor Bizarro, que triunfa en México. Que falta para que arrase en España?

Se os de Triángulo de Amor Bizarro fosen madrileños terían cinco veces máis éxito que agora. Son dos mellores no seu estilo de música indie electrónica. É un grupo infravalorado, pese a facer cousas cada vez máis interesantes. Si que ten cada vez máis éxito internacional, son incribles: cun directo impresionante, cunha capacidade de empatizar desde o escenario difícil de ver mesmo a nivel mundial.

E dunha xoia como Golpes Bajos, case unha estrela fugaz?

Mágoa non ver que pasaría con eles se non desaparecesen tan pronto, igual que Joy Division e The Smiths. Pero os grupos pop son plenamente creativos seis anos e despois tiran de fondo de armario.

Intentaron regresar a finais dos 90 e foron apupados nun concerto en Castrelos.

En fin, delirante.

Este libro abordouse sen prexuízos.

Intentei facer unha lista para que a xente descubra cousas, para que coñeza novos discos. Abarco todos os estilos de música, desde o death metal, ao reguetón, o folklore tradicional de Milladoiro. Intentei abarcar todas as esencias atlánticas da música galega: do jazz ao hip hop, o pop máis indie, o rock and roll. Faltan artistas: porque100 discos son moi poucos.

Compartir el artículo

stats