La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

‘Anne, a de Tellas Verdes’: a aventureira que hai en nós

Raquel Senra traduce ao galego para Hércules Ediciones este clásico da literatura xuvenil: “É unha personaxe revolucionaria”

Raquel Senra tradutora ao galego de 'Anne, a de Tellas Verdes'

“Desde a inmortal Alicia, Anne a de Tellas Verdes é a nena imaxinaria máis encantadora creada na literatura”, chegou a dicir Mark Twain. A rapaza de trenzas vermellas viviu os tempos de natureza salvaxe na Norteamérica de Tom Sawyer e Huckleberry Finn, nun primeiro libro editado en 1908 pero ambientado entre 1877 e 1882 en Canadá. Sen embargo, as súas trastadas e inquedanzas terían aínda un éxito tardío en España coa serie emitida en TVE en 1988. Xusto nese ano nacía Raquel Senra (Santiago de Compostela), tradutora e ilustradora que trae ao galego esa Anne of Green Gables de Lucy Maud Montgomery a través de Hércules de Ediciones.

Recupérase así unha figura fascinante para a literatura xuvenil, xa trasladada ao noso idioma por Moisés Barcia para Rinoceronte. Na nova edición de Hércules, Raquel Senra redescubriu “dun modo máis íntimo a unha personaxe revolucionaria que xa lera de adolescente”. Trátase dunha proposta persoal feita por ela mesma a Laura Rodríguez, directora de Hércules, en 2019 aínda que a idea xa se movía desde dous anos antes. Durante varios meses, a tradutora mergullouse no escenario literario da Illa do Príncipe Eduardo (Canadá) e nos xiros do inglés da época. “Hai un tratamento de vostede que hoxe en día non se usa tanto, e solucioneino facendo que Anne trate aos adultos de vostede e cando chega a un punto de confianza de ti”, explica Raquel Senra.

Ademáis do traballo de tradución, documentouse sobre aspectos tan descoñecidos para a Galicia actual como certos tecidos e cortes nos vestidos: “Por exemplo, para as mangas abullonadas dos vestidos tan de moda na época vitoriana tiven a axuda do Léxico de Costureiras dentro do programa A Memoria de Mulleres de MAOS, editado polo concello de Pontevedra”. E descubriu plantas que aquí non se cultivan, xunto a expertos en bioloxía para levalas ao galego.

Esta Anne, a de Tellas Verdes “tivo que esperar máis de cen anos para coñecerse en galego”. E Senra considera “interesante que continuase a serie dun total de oito libros publicados por Lucy Maud Montgomery sobre esta personaxe”. O primeiro volume amosa a evolución dunha nena de 11 anos, adoptada polos irmáns Matthew e Marilla Cuthbert, ata que xa é unha rapaza de 16 “sempre cunha linguaxe moi exquisita”. Recorda Raquel Senra que “moitos investigadores catalogan a Anne como unha personaxe feminista ou protofeminista, a pesar das ideas preconcebidas e as presións ela sempre acaba comportándose como quere... e é bastante revolucionaria”.

A primeira lectura de Senra sobre este libro foi aos 14 anos: “Sempre tiven predisposición para as linguas e desde os 16 anos decidín ser tradutora, e esta publicación gustoume especialmente”. En especial, “chocábame o poder da imaxinación de Anne e todo o que fai para mudar o mundo, a súa capacidade de goce e de atraer a ledicia, impactoume moito a súa forma de ver o mundo a pesar da súa situación persoal tan complexa... marcáronme ese carácter e esa felicidade”.

Tamén ilustradora de profesión, Raquel Senra recalca que “a tradución literaria é unha actividade puramente creativa, non é mecánica”. Confesa que no seu interior “hai varias Raqueles e teño que atendelas a todas, teño que expresarme desde vías moi distintas”. Tradución e ilustración son así “linguaxes totalmente opostas pero necesarias para a miña vida, sen forzarme porque para ser creativo tamén hai que deixar espazos para escoitarse a un mesmo”.

Na historia de Anne, a de Tellas Verdes, os dous irmáns que deciden adoptar ao principio queren un neno pero atópanse cunha nena de gran ambición literaria. Sentiuse esta tradutora identificada no seu amor pola palabra? “Teño unha conexión moi grande con ela, pero síntome máis identificada na súa conexión coa natureza: a paisaxe é unha personaxe máis que acompaña e coa que a nena dialoga”.

Eses anos da mociña Anne avanzan no lugar de Avonlea, nesa máxica Illa do Príncipe Eduardo: “É incrible a capacidade da historia para captar os diferentes tipos de luz segundo o día e a estación”. Coincidiron ademáis os seus meses de tradución coa pandemia, “na miña corentena foi unha vía de escape porque eu fuxía á natureza a través deste libro, podía percibir a luz tan especial das follas”.

Non quixo deixarse suxestionar pola clásica serie da Canadian Broadcasting Corporation nin pola recente versión de Netflix: “Quixen crear a miña propia Anne, son moi celosa da miña imaxinación”. A súa rapaza de Avonlea “pode ser repelente nalgún punto pero dunha gran calidade humana e empatía, recoñezo que lle collín moito cariño”. En canto ao seu papel como tradutora, comproba que se dan “pasiños” no sector como que os nomes dos tradutores aparezan ben visibles nas portadas. “Pero queda moito por avanzar, quedan grandes retos como unha sensibilidade social ante o noso papel: somos profesionais con experiencia e formación, as administracións e entidades teñen que facer que sexa máis visible”, explica.

Máis alá de profesores e escritores, hai profesionais formados específicamente na tradución e que viven dela: “Somos autónomos e temos que pelexar por tarifas dignas, ante xente que xa ten os seus traballos”. O seu soño pasa por traducir “máis libros do feminismo, algúns clásicos moi interesantes, e sempre coa literatura xuvenil”.

Compartir el artículo

stats