O primeiro verán de Nêspera Editora, unha editorial libre e salvaxe

Nace cunha primeira novela como presentación: as ‘Avelaíñas eléctricas’ de Sica Romero

Breixo Parcero, Samuel Baltar, Sica Romero e Vanessa Rodríguez, na presentación.   | // MINIA P.

Breixo Parcero, Samuel Baltar, Sica Romero e Vanessa Rodríguez, na presentación. | // MINIA P. / patricia hermida

Tempo de pexegos, tempo de Nêspera Editora. Nace en Ames unha editorial libre e salvaxe, coa publicación da primeira novela de Sica Romero: Avelaíñas Eléctricas. “Trátase da primeira novela na que a metade está escrita con diferenzas dialectais do galego (gheada e seseo), debido ao seu uso por parte da protagonista”, indica Vanessa Rodríguez desde Nêspera. O libro emprega ademáis versos de Rosalía de Castro para introducir cada capítulo: nunha fermosa conexión entre a máis grande das letras galegas e unha das novísimas creadoras da actualidade.

Sica Romero, con exemplares da súa novela.   | // NÊSPERA EDITORA

Sica Romero, con exemplares da súa novela. | // NÊSPERA EDITORA / patricia hermida

Na aventura de Nêspera entran Vanessa Rodríguez, doutora en Biblioteconomía e Documentación que traballou en bibliotecas e librarías; Breixo Parcero, do sector audiovisual e fotografía; e Samuel Baltar, de deseño e maquetación. Viven o lanzamento desta editorial como unha aventura? “Considero que si, tamén melloraron moito as condicións para editar na última década... recordemos que nos 60 e os 70 o papel era máis caro e non había a globalización nin os avances tecnolóxicos actuais”, indica Vanessa Rodríguez. De todos modos, “cunha menor inversión podes sacar adiante un libro ou dous pero os creadores viven doutros traballos, na gran maioría dos casos no mundo do libro non te fas rico”.

Con partes da novela adaptadas á forma dun guiñon cinematográfico da man de Breixo Parcero, “porque pasa como un filme na mente da protagonista”, estas Avelaíñas eléctricas voan a través destes novos tempos de novas tecnoloxías no sector editorial “que axudan a facer cousas imposibles”. Nêspera vive así o seu primeiro verán, recén nacida co obxectivo de ofrecer algo diferente ás grandes editoras. Cando Vanessa traballaba nunha libraría, “chegaban moitos orixinais en busca de editor, e axudáballes nesa búsqueda ou facendo correccións, ou indicando posibles concursos”.

Ao final animouse a montar Nêspera, que se suma a outras independentes como Cuarto de Inverno, Rodolfo e Priscila, ou Soriano Ourensana. Con esta última chegou a inspiración: “En Galicia hai moita traducción, pero queríamos facer libros orixinais en galego... por exemplo, a miña nena preguntábame nomes de animaliños en galego e faltaban cousas que non existen en moitos libros”.

De aí nacen as futuras propostas desta editorial, “cunha maior contextualización da cultura galega e publicacións máis atractivas para o sector xuvenil”. Os seus promotores estudan un proxecto con Pancho Lapeña de Soriano Ourensana. Entre esas futuras propostas de Nêspera figuran “un libro sobre as pintoras galegas de finais do século XIX e principios do XX, outro sobre o Entroido, outro sobre as nosas festas como San Xoán ou o Samaín”.

A orixe dun libro

Como primeira publicación, Avelaíñas eléctricas chegou ás mans de Vanessa Rodríguez a a finais do 2020. “Sica é a filla dunha amiga íntima, non sabía que escribía pero ela decidiu presentar o seu traballo a unha empresa de autoedición e ofrecéronlle un contrato abusivo”, explica. Segundo Vanessa Rodríguez, “esa empresa quería encadenar os dereitos durante séculos como comprobei ao estudar ese contrato... intereseime pola novela e encantoume”.

A decisión de saír ao mundo con Avelaíñas eléctricas foi de Breixo Parcero. E o equipo empezou a traballar coa novela de Sica Romero durante case un ano, “pulindo, quitando personaxes que sobraban, xogando coa maquetación”. Tamen axudou na corrección lingüística Luz Méndez, da Real Academia Galega, con especial atención a esas diferenzas dialectais presentes no 50% da novela.

Co acompañamento dos versos de Rosalía de Castro, “abórdanse temas universais como o amor, a amistade, a violación, o abuso, as drogas”. Sica Romero (nacida en Carnota hai 27 anos) pasou un tempo en León e Canarias, desde onde falaba por teléfonos cos avós. Explica Vanessa que “eles avergoñábanse de falar así cando ían ao médico, e por iso a protagonista das Avelaíñas emprega as diferenzas dialectais da Costa da Morte... para amosar que todos poden falar no que queiran”.

Entre as novidades de Nêspera, tamén destaca que a editorial alónxase das grandes cidades nun xeito de “crear barrio e tecer redes”.

Suscríbete para seguir leyendo