La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Luz Pozo Garza: a vida é poesía

Alvarellos Editora, coa colaboración do colectivo In Nave Civitas, adicaralle unha homenaxe na Feira do Libro da Coruña con recitados e a recuperación das tertulias dos 50

Presentación de 'Rosa Tántrica' en Portas Ártabras, na cidade da Coruña en 2016 J.Roller

Naquela cidade onde unha rapaza escribía un diario secreto na noite / mentres o soño desvalido semellaba finxir silencios compartidos /nesa vella cidade do norte /o primeiro poema de amor flutuaba coma un blues nostálxico na noite.En 1986, Luz Pozo Garza escribía este Far Blues cando aínda lle quedaban por diante 34 anos de vida. Polo camiño chegarían grandes amores e tamén traxedias. E entre as paixóns, A Coruña. Alvarellos Editora, coa que sacou os seus últimos libros Pazo de Tor e Rosa Tántrica, adicaralle unha homenaxe na Feira do Libro o 6 de agosto por tan especial relación. Coa colaboración do colectivo In Nave Civitas, o acto sumará recitados de poetas cunha recreación das tertulias dos 50 nas que participaba Pozo Garza. “Coñecín a Luz nos seus últimos 15 anos, para ela a vida era a poesía, impactou a todos porque irradiaba felicidade”, recorda Quique Alvarellos.

A derradeira sinatura de Pozo Garza na Feira, en 2019. | // ALVARELLOS EDITORA Alvarellos

A escritora faleceu o 20 de abril de 2020, a piques de cumprir 98 anos. Na Feira do Libro da Coruña (cita da Federación de Libreiros de Galicia), In Nave Civitas porá en valor o vínculo da poeta co pintor Urbano Lugrís. E tamén reviviranse as tertulias nas que participaban os dous con Mariano Tudela. A súa filla Olivia Rodríguez-Tudela, profesora na USC, intervirá como especialista en Pozo Garza. Nunha conversa con este diario, explica as etapas da autora na Coruña: “A primeira foi a finais dos 40 cando chega de Viveiro para rematar os estudos de piano no conservatorio con Pilar Cruz (secretaria de Manuel de Falla)”. Na Coruña iniciouse nas tertulias no Café Galicia cos fundadores da revista Atlántida, ata publicar libros con ilustracións de Lugrís e Villar Chao.

Luz Pozo Garza na súa última Feira do Libro con Olivia Rodríguez, Fidel Rodríguez, Marta Pérez e Quique Alvarellos Alvarellos

Na segunda etapa xa se asenta na cidade coa familia en 1964, “para vivir no Orzán mentres ela daba clases no Instituto Monelos e despois no Salvador de Madariaga, con alumnos como Manuel Rivas”. Empeza a publicar a revista Nordés en 1975, con Luis Seoane de ilustrador. Sepárase e marcha no 76 para Vigo, onde casa co poeta Eduardo Moreiras.

Presentación de ‘Pazo de Tor’ Coruña, en 2019. | // ALVARELLOS

Falecido Moreiras en 1991, volve ata Coruña e crea a revista Clave Orión. “Paseaba polos xardíns, abrazaba árbores e tomaba chocolate con churros en Bonilla”, recorda Rodríguez-Tudela. Cunha intensa vida na RAG, “lograba sempre colas nas sinaturas de libros”. Escribiu ata o final, tamén para exorcizar o drama como recorda Olivia Rodríguez-Tudela: “Como no poemario Sol de medianoche adicado á neta falecida, onde sinala o Orzán e di Mira, Natalia, o mar. Mira esas aves. Mira a cidade emblema de memorias. Navíos con extrañas bandeiras feitos de lume e cinza. Naves de ausencia e óxido ó pé da Torre”.

A espiritualidade dos últimos tempos

Quique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, tivo unha estreita relación con Luz Pozo Garza nos seus últimos 15 anos, editoulle os seus dous últimos libros e sempre contaba con ela na Feira do Libro da Coruña. “A súa última visita foi en agosto de 2019, e por iso queremos darlle unha homenaxe desde unha cita onde sempre estaba asinando, presentando e acompañando”. Colabora o colectivo In Nave Civitas, que cada decembro promove o Día de Urbano Lugrís (pintor determinante na traxectoria profesional e persoal da poeta).

Nese acto do 6 de agosto haberá un recitado desde os seus poemas de finais da década dos 50 ata o último poemario editado en 2018 (Pazo de Tor) “cando xa tiña 97 anos”. Nos seus últimos dez anos de vida acudía puntualmente á Feira a asinar exemplares, “nun acontecemento que a facía feliz”. Indica Alvarellos que “a súa vitalidade enténdese en clave poética, e nos últimos anos volcouse na trascendencia e a espiritualidade, cría na inmortalidade das almas”.

Compartir el artículo

stats