La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Setembro cultural, en busca dun tempo perdido

Decálogo de exposicións para despedir o verán, desde Castelao a Laxeiro ou a historia do Parlamento galego

A obra de Laxeiro chegará á Cidade da Cultura

Setembro: tempo de mazás, tempo de mirar atrás. O final do verán chegará en Galicia cunha viaxe na busca dun tempo perdido. A nivel expositivo, o mundo cultural moverase pola nostalxia a través de figuras tan relevantes como María Casares, Castelao ou Laxeiro. Constantes vitais que sempre nos levan ao exilio. Pero tamén episodios da Galicia interior, como os 40 anos de acción lexislativa nesta comunidade autónoma (zapatazo de Beiras incluído). Aquí vai unha pequena selección de dez mostras para iniciar tempada cunha mens sana in corpore sano.

'A derradeira lección do Mestre' de Castelao

'A derradeira lección do Mestre' de Castelao Afundación

Precisamente, Afundación percorre toda Galicia con O poder da palabra: 40 anos do Parlamento de Galicia. E chegará o 8 de setembro á súa sede en Lugo, para permanecer alí durante un mes. Comisariada polo historiador Ramón Villares, repasa os principais episodios deste órgano estatutario. E tamén recupera documentos como un texto de Castelao anterior á constitución do Consello de Galicia (entidade política do exilio galego creada o 15 de novembro de 1944 en Montevideo) cos nomes de cales terían que ser as institucións galegas.

Xosé Manuel Beiras e un zapato, historia do Parlamento galego. | // LAVANDEIRA JR. Lavandeira Jr.

O considerado como presidente de Galicia no exilio, o propio Castelao, protagoniza outra das mostras itinerantes de Afundación. Do 5 de setembro ao 7de outubro poderá verse en Monforte de Lemos Castelao grafista (facsímile): un repaso pola obra e polo pensamento deste debuxante, escritor e político, con pezas tan esenciais para a historia galega como A derradeira lección do Mestre.

Desde o 5 de setembro, Afundación leva neste caso ata A Coruña AI: More than Human, “un ambicioso proxecto expositivo inmersivo e interactivo sobre intelixencia artificial”. Parte das orixes da intelixencia artificial “na relixión sintoísta xaponesa ou no mito xudeu do Golem” ata chegar ás últimas investigacións na materia.

A celebración do Xacobeo continúa do 7 de setembro ao 9 de outubro por Palas de Rei coas acuarelas de O camiño ilustrado e a través da viaxe de Alicia Aradilla. Xa en Ourense, do 12 de setembro ao 12 de novembro estará La Palma. Volcán y vida con imaxes de Abián San Gil, ademáis de textos da poeta Elsa López, o chef José Andrés, o xornalista de viaxes Ander Izaguirre, o escritor de natureza Gabi Martínez e a psicóloga Belén Colomina.

A Cidade da Cultura terá do 1 de setembro deste ano ao 8 de xaneiro de 2023 A porta aberta: “Un proxecto vivencial para habitar as Torres Hejduk e convertelas temporalmente nun estudio artístico aberto ao público e ao diálogo”. Gañou a IX Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, dirixida aos participantes do XI Encontro de Artistas Novos #EAN11. Nesta performance, a artista galega Lúa Gándara habitará durante un mes o interior das torres, “amosando o seu proceso de creación”.

Tamén no Gaiás (Cidade da Cultura, Compostela) desembarcará Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970). Tras pasar por Lalín e Madrid, estará en Santiago do 29 de setembro ao 18 de decembro. E culminará no Instituto Cervantes de París, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro de 2023. Recolle 40 obras do artista lalinés que se instalou en Arxentina durante vinte anos, “mergullándose no ambiente intelectual da capital porteña, foco da emigración e o exilio galego”.O camiño inverso colle a exposición Materiais Seoane. Galicia-Arxentina que permanece en Bos Aires ata o 27 de novembro sobre a obra de Luis Seoane.

Por último, dúas propostas que continuarán durante o mes de setembro na cidade de A Coruña .Na Fundación Luis Seoane, ata o 9 de outubro aínda temos a oportunidade de ver ... ma patrie, mon Finistère. Fragmentos da correspondencia Camus-Casares (sobre a relación epistolar de amor entre a actriz coruñesa e o escritor). E ata o 9 de outubro, tamén continúa Nueva Babilonia de Marcelo Expósito na mesma Fundación.

Compartir el artículo

stats