La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Grazas Manu!

Ninguén adiviñaría o que deparaba a noite tras un inicio onde Manu, a pesar de sorrir con esa alegría que contaxia vida, non podía ocultar que 61 tacos modelan o seu corpo. E as dúas pantallas xigantes con primeiros planos confirmaban as enrrugas, e se co Clandestino andaba pola corentena, vinte anos máis… son bastantes máis. Así e todo, aquilo era unha trampa. Que aparecera sentado no medio do escenario tamén, era un truco. E que tras presentarse en Sta Margarita cun emotivo “Canto tempo Coruña!”—o fillo de Felisa e Ramón non dera un minuto de tregua— é o que nos levamos para a memoria do fin das Festas de María Pita

Dani pasoume un cigarro mentres acababa a Estrella que iluminaba a noite coruñesa trafegando litros e máis litros, e xa me advertira cando levábamos unha hora de musiqueo, “agora comezan as clásicas, no concerto da Capitol fixo o mesmo” e acertou. Despois de repetir “esto se acabó” nun par de temas e de desaparecer da pista voltou aos chimpos e aquela furia contaxionos para unha segunda parte máis viva se cadra. Trouxo á memoria colectiva as inxustizas en Palestina ou a barbarie da guerra en Ucraína, Siria, os refuxiados, os ilegais que morren cruzando o Mediterráneo ou nas praias de Melilla. Declarouse fan do fútbol de barrio contra os negocios balompédicos da Liga e o Mundial en Qatar. Ao berro de Fora Bolsonaro soltouse en cánticos conta a corrupción e o loló, loló, lolololo onmipresente soaba nos altofalantes cando o pulso do ambiente quería decaer…

O concerto mutaba coa chegada de Pulpiño. Tamén cando Xurxo Souto pedía ás tres mil almas entregadas ao Me gustas tú unha salva de palmas ao berro de “Grazas Manu!”. Quenes vivíamos aquel espectáculo sen pausa, respostamos ao convite do lider Diplomático desbordando paixón e entusiasmo. O mesmo que traía X. M. Pereiro. Xa case pasaba media hora do martes cando o roqueiro incombustible prendía un regueiro de pólvora coa consigna “A Coruña Avante Toda!” e o lamento do vento de Radio Océano. As instantáneas, novas e vellas como a efixie de Maradona, eterna, contrastando cun actualísimo Contra a depredación enerxética que vestía Miguel Rumbao, percusionista do trío.

Arrodeada de caras ledas, coros que todos repetíamos de memoria, palmas sen fin, aquel era o ritmo a percorrernos… como o do raparigo en cadeira de rodas sen deterse un segundo, sen deixar de rir. Por iso tamén, como a esa entrega incondicional dos fans Manu non era alleo, en innumerables ocasións se manifestaba cun “Graciñas Coruña!” Chao, danzando frenético sobre as tablas, golpeando rítmicamente o peito co micro, volvía: “Graciñas Coruña!” e rematando xa na madrugada: “Graciñas con el corazón!, graciñas sempre!”. E agradecidas quedamos.

Compartir el artículo

stats