María Rosa Lojo é unha das voces literarias arxentinas máis destacadas de hoxe en día. A autora ingrresou onte de forma oficial como membro de honra da Real Academia Galega (RAG) cun discurso sobre as redes afectivas e intelectuais da emigración galega que “nunca se cortaron”.

Cando en 1999 María Rosa Lojo (Buenos Aires, 1954) escribiu por primeira vez un texto testemuño de homenaxe ao exilio republicano español, definiuse como exiliada filla. “Sucede que, con distintos matices, existía un proxecto fundamental para os meus pais e para nós: volver. Pero como se regresa a onde xamais se estivo?”.

A escritora e crítica literaria, unha das principais figuras das letras arxentinas contemporáneas, deu resposta a esta pregunta no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega como membro de honra compartindo co público unha parte fundamental da súa historia persoal, que é asemade colectiva: a da procura da memoria familiar e das súas raíces galegas, un legado que impregna boa parte da súa obra literaria. A intervención foi tamén unha reivindicación da contribución galega á identidade arxentina e un percorrido polo Buenos Aires de Castelao, Luís Seoane, Maruja Mallo ou Amparo Alvajar. Hoxe, salienta, os vínculos seguen a tecerse entre ambas as beiras do Atlántico. “As redes afectivas e intelectuais da migración nunca se cortaron”, expresa.

Lojo, que se define como “galega filla”, confesa que titulou precisamente o seu discurso Unha galega filla en Buenos Aires.

“Os relatos do meu pai da aldea, da casa, do río, eran o meu taiel ou tayül, o meu canto da liñaxe. Este canto que, segundo a nación mapuche, vincula cada ser e cada familia coa súa identidade ancestral dentro do cosmos, coa cadea de xeracións pasadas e vindeiras, e revela a asociación entre os humanos e os elementos naturais cos que se emparentan”, compara a autora, en cuxa obra a pegada do herdo paterno dialoga con elementos da cultura dos pobos indíxenas da Arxentina”, sinlou onte na RAG.