La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Dentro do labirinto cultural do exilio galego

Silvia Longueira (Fundación Luis Seoane), Pérez Buján (Laxeiro) e Inmaculada Real abordan o seu proceso museístico

Obra de Laxeiro sen título, de 1971 e exposta en Arxentina EFE

Coas maletas sempre preparadas para regresar á súa terra. Así vivían os artistas e intelectuais galegos no exilio. “Confiaban en que ao final da II Guerra Mundial poderían volver ao seu país, pero a ditadura en España continuou e eles tiveron que quedarse en América”, indica Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane. Ela será unha das participantes na xornada Musealizar a arte do exilio galego, que organiza o Consello da Cultura Galega hoxe en Santiago. O obxectivo pasa por abordar o papel de fundacións e museos na conservación desa riqueza cultural, creada polos que escaparon dos asasinatos e a represión da Guerra Civil.

Portada de 'Trece estampas de la traición', álbum de Luis Seoane Fundación Luis Seoane

Como explica Inmaculada Real, profesora da Universidad Complutense de Madrid e coordinadora do encontro, “o retorno do patrimonio do exilio a Galicia non se produce ata a posta en marcha en 1968 do Laboratorio de Formas por parte de Díaz Pardo e Seoane, e a apertura en 1970 do Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside que axudaría na reconstrución desa arte (por exemplo cos debuxos de Castelao na súa travesía a Nova York)”. Na Transición aparecen máis espazos de homenaxe “e paralelamente desde anos antes os exiliados fan as primeiras viaxes de ida e volta”.

‘A familia do cego’ de Castelao, exposta en Arxentina. | // LA OPINIÓN La Opinión

Destacan os museos específicos como os da Fundación Luis Seoane (A Coruña) e a Fundacion Laxeiro (Vigo). Seoane marchou de Galicia en 1936 e desenvolveu a maior parte da súa obra en Arxentina. Explica Silvia Longueira que “na súa figura conflúen dúas cuestións: é un emigrante e tamén un exiliado, por iso ten un carácter singular no plantexamento museolóxico”.Traballou “nun crisol de culturas vencelladas á emigración, o Bos Aires da época no que vivían tanto exiliados galegos como os que fuxían dos totalitarismos en Alemania e Italia... ademáis dunha comunidade xudea coa que Seoane deu un gran salto na plástica”.

Para Longueira, “Seoane foi capaz de concertar culturas ao seu redor co obxectivo común da defensa das liberdades”. Recuperou a identidade arxentina sepultada pola globalización, pero tamén defendeu a súa entre o exilio e as culturas populares.

Como director da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján recalca que “non temos unha colección propia de Laxeiro (que regresou a Galicia de Arxentina en 1970)”. É dicir, a Fundación conta con “65 obras que o artista doou á cidade de Vigo e que son propiedade municipal, pero a maiores hai unha ampla catalogación das súas 4.000 obras espalladas por todo o mundo”. A entidade traballa así en investigar e programar actividades sobre tan magno catálogo. Pérez Buján engade que “a maior parte da colección arxentina (unhas 1.000 pezas) está volvendo para España e sobre todo Galicia... en América quedarían en coleccións institucionais como o Museo de Bellas Artes de Buenos Aires”. Nos anos 80, un coleccionista galego fixo unha compra masiva de 400 obras.

Para Inmaculada Real, “as fundacións teñen un papel determinante para recuperar a artistas do exilio”. Sería factible a creación dun museo galego do exilio? Para esta investigadora, “sería moi interesante pero non sei se viable, hai outras formas como en Francia ou Latinoamérica onde forman espazos transfronterizos da memoria”. Ela mesma traballa “na creación dun mapa de museos do exilio a nivel nacional”.

Como mostras recentes destaca Materiais Seoane en Bos Aires. E este venres A Fundación Seoane inaugura na Casa de Iberoamérica en Cádiz a mostra sobre o álbum de guerra Trece estampas de la traición, con debuxos que beben do expresionismo alemán. Longueira considera que “o 70% das obras de Seoane están impactadas polo exilio, era a xeración mellor preparada do país e moi arraigada no campo... e perdimos todo iso”. Pérez Buján explica que “Laxeiro nunca se recoñeceu como exiliado porque el marchou a Arxentina por vontade propia, pero tamén con gañas de liberdade creativa e marcado polas circunstancias de Galicia”. Conclúe Real que “o exilio ten a súa aportación á historia da arte: produce unha escisión pero tamén reforza unha identidade”.

Compartir el artículo

stats