La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Un texto sobre a memoria histórica vence no Premio SGAE de Teatro Infantil

Carlos Labraña logra que, por primeira vez, unha obra en galego gañe este certame

Carlos Labraña. | // XOÁN ÁLVAREZ

Dende a delicadeza, coa emoción, así asegura que escribiu o dramaturgo galego Carlos Labraña a obra Mambrú volveu da guerra que vén de gañar o XXIII Premio SGAE de Teatro Infantil 2022. A SGAE resalta que foi premiado entre 39 orixinais e que se valorou a temática, a memoria histórica, pero tamén o seu trato con delicadeza.

É o primeiro texto gañador en lingua galega na historia deste certame. Explica a análise do xurado que non son moitas as súas personaxes e, sen embargo, o relato enriquécese con “tódalas voces que o mesmo autor deixa falar dende as profundidades desas cunetas ou muros de cemiterios; esta vez, dun parque infantil”.

“Creo que a nosa obriga é loitar contra o esquecemento e gústame que este premio se produza agora, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Memoria Democrática en España”, di o dramaturgo. “Durante demasiado tempo silenciáronse historias que agora comezan a agromar. Tamén no teatro”, conclúe.

Compartir el artículo

stats