La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Pillado, o home de ferro: “Agora tedes que loitar vós”

O histórico dirixente sindical escribe a terceira parte das súas memorias

Rafa Pillado, sentado en primera liña cos seus compañeiros en Ferrol | // FUCO BUXÁN / MEMORIA HISTÓRICA DEMOCRÁTICA

Con tanta ironía como cariño, Chichi Campos debuxou a Galicia dos 80 nos seus artigos xornalísticos recopilados en Estampas do mundo elegante. E na crónica Un día de folga avanzaba con humor, pero tamén con admiración, polas manifestacións dun sindicalismo xa desaparecido: “Diante da ponte das Pías forman centos de traballadores de complexión abrumadoramente muscular. De pé sobre un Jeep cedido pola Armada fai entrada no grupo Rafael Pillado en actitude ben distinta de cando conversaba con Rosón. Leva colgados uns prismáticos. Semella un comisario político pasando revista na frente de Belchite”. Ese Rafael Pillado foi ficcionado por Campos nesta peza, pero conserva o corazón do seu espíritu de loita. O mesmo Pillado que pagou co cárcere a defensa dos traballadores. O mesmo Pillado que consolou por teléfono aos que chamaban chorando cando anunciou un mesotelioma padecido por culpa do amianto.

Pillado, nunha recente homenaxe en Fene. | // ENTREMEDIAS

O histórico sindicalista, un dos heroes do Dez de Marzo de 1972 en Ferrol e fundador das CCOO en Galicia, acaba de publicar a terceira parte das súas memorias. Las líneas de mi vida, libro editado por Fuco Buxán, percorre os seus artigos xornalísticos en diversos medios desde 1977 ata ben avanzado o século XXI. E este venres recibía a homenaxe dos seus amigos, coa exposición fotográfica de Xurxo Lobato sobre 1972 en Ferrol e a presentación destas memorias. As palabras de Rafa Pillado, que sacou forzas do imposible nun enésimo acto máis de xenerosidade, cobran todo o significado: “Eu hoxe pecho o círculo e o círculo está ben pechado. Eu xa loitei, pero agora tedes que loitar vós! Non hai que rendirse nunca!”.

Á altura daquel Home de ferro que retratou o cinema polaco, a figura do operario do naval nacido en San Cibrao (Cervo, Lugo, 1942) cobra aínda máis vida a través destes escritos sobre as primeiras eleccións sindicais do 77, as unións e desunións na esquerda, os maremotos políticos nas cidades gallegas ao longo dos 80 e nos primeiros 90, ou o impacto medioambiental de catástrofes como o Prestige.

E especial dor producen os seus artigos sobre o amianto xa desde o ano 2001, antes de que estoupara esa pandemia. Ata que o pasado venres declarou: “Nos asasinaron a todos, eu son un máis”.

Palabras para o fillo de Manuel e María

Cando Manuel Pillado foi encarcerado no castelo de San Felipe como loitador antifascista, a súa muller María Lista e o seu fillo Rafael viaxaron desde San Cibrao nun bus para instalarse nunha caseta ao lado da fortaleza. Alí María collía flores no monte para vendelas ás portas do castelo. “E eu con 14 anos xa andaba polo camiño de pedras ata Ferrol para traballar no naval”, recorda Rafa. Nunha familia de loitadores, da que tamén forma parte o seu irmán Raúl, el non podía ser menos.

Na terceira parte das memorias, José Torregrosa adícalle esta carta: “El rayo que no cesa, el amianto, no te hiere: te engrandece, lo sabemos, lo hemos sabido siempre. Los Lista y los Pillado son palabras de honor y compromiso cierto. Rafael Pillado Lista, venceremos...”

Compartir el artículo

stats