La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Rapsodia en púrpura para unha nova revolución

Hércules Ediciones avanza na súa colección en galego de clásicos contemporáneos do feminismo con ‘Teoría King Kong’

A editora Laura Rodríguez Herrera, con 'Teoría King Kong' Hércules

En Europa, o novo milenio arrancou cunha película que disparaba na liña de flotación da dominación sexual. Baise-Moi (traducida en España directamente como Fóllame , non podía ser doutro xeito) falaba de violación, prostitución e todo tipo de opresións sobre a muller. Pero ante todo era un berro de liberdade da súa directora Virginie Despentes, (Nancy, Francia-1969) en 2000 e baseado nas súas propias experiencias. Hércules Ediciones amplía agora a súa colección Púrpura de clásicos contemporáneos do feminismo coa Teoría King Kong de Despentes. O ensaio chega por primeira vez ao galego, ao igual que as irmás da colección Púrpura iniciada en 2019. Segundo a editora Laura Rodríguez Herrera, “nas editoriais galegas tíñamos o oco das autoras contemporáneas do feminismo, e decidimos facer esta elección tan persoal”.

A escritora Virginie Despentes PIM

A chegada ao galego da Teoría King Kong foi petición da propia traductora Raquel Senra: “Unha amiga recomendoume o libro e atopeime cunha voz moi diferente”. Admite Laura Rodríguez que “non pertencemos a un gran grupo editorial pero iso permite máis liberdade, collín na colección títulos da literatura inglesa, francesa...” Sobre Teoría King Kong apunta que “é un libro moi complicado de definir: un ensaio non moi académico pero tampouco frívolo, cunha linguaxe moi directa”.

Mary Beard na entrega do Princesa de Asturias. | // JOSÉ LUIS CEREIJIDO patricia hermida

A editora fai unha declaración de intencións: “Quero publicar libros que me fagan pensar e este removeume moito, con consignas revolucionarias e fóra do políticamente correcto”. O enfoque parte da experiencia da propia Despentes, que exerceu a prostitución e foi crítica de cine porno (dirixiu Baise-Moi con Coralie Trinh Thi, tamén actriz de películas X). A escritora e directora francesa “fala da liberdade por enriba de todo, sen ataduras de xénero... somos escravos do capitalismo e do Estado, ela defende a liberdade dos corpos (algo moi interesante cando temos o control de EEUU no aborto)”.

A lectora e o lector atoparanse con “temas moi delicados que ás veces non compartirán, é un discurso interesante para unha sociedade cada vez máis polarizada, podes estar en contra da prostitución pero quero ler ideas que defendan experiencias como a de Despentes”. A autora enarbola especialmente a bandeira da independencia económica na muller: “Gañar cartos concede un poder, que non tes que render contas a ninguén”.

Todo o que conta a escritora, tamén na citada película, parte da súa vida. O contacto coa pornografía, “máis alá da explotación dos corpos”. Ou a reflexión sobre a violencia a partir da violación que padeceu xunto a unha amiga cando tiña 17 anos, a mans de tres homes nun coche (xa amosada nunha impactante escena en Baise-Moi). “Parece que se non fas resistencia non foi para tanto, pero a maiores do trauma despois acontece que nunca queres dicir que fuches unha muller violada”, indica a editora.

A liberdade tamén é antónimo da represión do desexo (sexual e de todo tipo). As mulleres non podemos facer todo o que queremos? “Así é, non é cuestión de reivindicar máis senón de mandar todo á merda e empezar de cero, é a actitude revolucionaria de cada unha”, asegura Laura Rodríguez. A colección Púrpura xa estaba iniciada con Os homes explícanme cousas de Rebecca Solnit (“o libro que deu lugar ao mansplaining”), Mulleres e poder de Mary Beard (“o desprezo ás poderosas desde a Antiguedade”), Bruxas de Mona Chollet e Mala feminista de Roxane Gay (“son feminista, leo a Vogue e me gusta Beyoncé como di esta autora desde o punto de vista da muller negra”). No 2023 chegarán outros dous máis.

Para a traductora Raquel Senra, no traslado de Teoría King Kong ao galego “o máis difícil foi atopar o ton xa que o estilo da autora é moi ácido e punk, estamos afeitos a ese estilo tan directo no oral e o audiovisual pero non na escrita”. Senra xa fixo para Hércules a traducción doutros clásicos escritos por mulleres como Anne das Tellas Verdes. E como ilustradora, traballa agora nun proxecto poético xunto con outra autora, para o que busca editorial.

Compartir el artículo

stats