Kiosco La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

Manuel Rivas, Ugía Pedreira e Chévere, entre os Premios da Crítica de Galicia

A artista Mónica Alonso, a cociñeira María Varela, o historiador Xavier R. Madriñán, e A Cova de Eirós foron galardoados nun acto que lembrou ao comediante Pedro Brandariz

Premiados, autoridades e xurados, onte, na gala dos premios en Vigo. | RICARDO GROBAS

Manuel Rivas, Ugía Pedreira, Mónica Alonso, a compañía teatral Chévere e A Cova de Eirós foron algúns dos galardoados da XLV edición dos Premios da Crítica de Galicia, que se desvelaron onte nun acto celebrado na Sede de Afundación en Vigo. Co lema Galicia é infinda, do poeta Florencio Delgado Gurriarán, xuntáronse preto de trescentas persoas representativas dos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural da comunidade para presenciar o fallo destes galardóns.

Arriba, aspecto do público. Abaixo, unha actuación musical. | RICARDO GROBAS

No transcurso do acto, que foi presentado pola escritora Ledicia Costas, Bieito Ledo, presidente e fundador dos Premios da Crítica de Galicia, fixo un percorrido pola memoria desta iniciativa pioneira organizada en Vigo dende hai 45 anos. Dende comezos do mes de outubro, as 56 persoas compoñentes dos oito xurados, que se unen ao máis de 1.400 participantes ao longo de toda a súa historia, traballaron e ditaminaron de forma virtual sobre as propostas presentadas libremente por editoras, produtoras e outras entidades culturais.

Manuel Rivas, Ugía Pedreira e Chévere, entre os Premios da Crítica de Galicia

O xurado da modalidade de Creación Literaria acordou outorgar por maioría o premio a O que fica fóra do coruñés Manuel Rivas (Apiario). O xurado salientou que “O que fica fóra é unha obra que lle dá a volta á lingua e á realidade para se preguntar e preguntarnos, despois de roubarnos a liña do horizonte, que ficará fóra cando desaparezan as palabras. Un libro alfaia con elementos gráficos que enriquecen tanto a súa estética como a mensaxe que intenta transmitir”.

O premio de Artes Escénicas foi para o espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E de Chévere, do que o xurado salientou a honestidade e sinestésica maneira de recuperar un dos episodios máis negros da nosa historia recente. “A compañía reforza nesta peza a súa liña pioneira de teatro documento, do teatro sociopolítico con grande impacto social, causando sempre a plena comuñón co público. Memoria de Nunca Máis!”, afirma.

Por outra banda, a promotora Atalante levou o premio de Cine e Artes Audiovisuais. O xurado salientou de Atalante o seu labor de distribución de traballos fílmicos con carácter independente, un repertorio de pezas laboriosas e esixentes asinadas por grandes cineastas como Hong Sangsoo, Meritxell Colell, Oliver Laxe, Paulo Rocha, Milagros Mumenthaler, Nobuhiro Suwa, Rita Azevedo e Manoel de Oliveira, que van servir deste modo a procesos de difusión e internacionalización ao tempo que de reforzo do vínculo coas salas de cine nun momento histórico sensible.

Este xurado fixo unha mención especial ao falecido actor Pedro Brandariz, alguén que “explicaba e dignificaba en si mesmo o termo comediante, o seu oficio”.

A cantautora Ugía Pedreira levou o premio de Música. O xurado salientou da cantante a súa traxectoria creativa, interpretativa e formativa como cantora de raíz mariñán que desenvolveu un proxecto artístico alternativo relacionado coa propia terra. En Artes Plásticas, o premio foi para a lucense Mónica Alonso, de quen o xurado salientou o excelente traballo de toda a súa carreira, a reflexión dobre a cor como forma de comunicación entre seres humanos. Entre os seus últimos traballos destacan A maxia do colibrí, 6 casos desesperados e o comisariado da mostra Cor e sentimentos sobre Manuel Colmeiro, na Fundación Luís Seoane da Coruña.

O xurado destacou de María Varela, premio de Cultura Gastronómica, o seu facer como cociñeira en A Parada das Bestas, un proxecto no que a prioridade é a excelencia baseada en dous piares fundamentais: a honestidade do traballo, e a difusión e o fomento do patrimonio cultural e gastronómico da zona da Ulloa.

Na modalidade de Investigación, gañou A figuración galega en Irlanda (1840-1936): de imaxe especular a modelo frustrado (Laiovento, 2021) de Xavier R. Madriñán, catedrático de Xeografía e Historia e doutor en Ciencias Políticas. O xurado sobranceou desta obra que se trata dunha suxerente prospección nun territorio nunca abordado con gran repercusión nun territorio con gran repercusión no imaxinario colectiv de Galicia.

Así mesmo, o proxecto A Cova de Eirós (Triacastela) levou o premio de Iniciativas Culturais e Científicas pola “importante dimensión espacial e temporal dunha iniciativa cultural e científica de longo alento, que abre as portas ao coñecemento do Paleolítico no territorio galego”. Unha tarefa desenvolvida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste. Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio do departamento de Historia da Universidade de Santiago.

Compartir el artículo

stats