A viaxe que non cesa de Kavafis

Miguel Ángel Areses traduciu por primeira vez ao galego a obra completa para Aira

O poeta Konstantinos Kavafis.   // LA OPINIÓN

O poeta Konstantinos Kavafis. // LA OPINIÓN / patricia hermida

Polos tormentos e deleites da vida camiñan os viaxeiros de Kavafis. Nun eterno carpe diem, coa profundidade que só teñen os clásicos. Como nesta invitación ao eterno retorno: A cidade irá tras de ti. E nas súas rúas pasearás, as mesmas, e nos mesmos barrios envellecerás... E sempre chegarás a esta cidade. Para outra parte —non agardes— non hai barco xa. A obra completa de Konstantinos Kavafis (Alexandría 1863-1933) publícase por primeira vez nun só volume en galego con Aira Editorial. Ao longo de 464 páxinas, o tradutor Miguel Ángel Areses brinda esta Poesía completa anotada de Kavafis como un regalo “dun poeta nacido no XIX para coñecer as vangardas da época pero cun estilo moi senlleiro: o equivalente na arquitectura sería Gaudí, moderno e tradicional, tan diferente que non creou escola”.

A portada da poesía completa de Kavafis para Aira.   | // AIRA EDITORIAL

A portada da poesía completa de Kavafis para Aira. // AIRA EDITORIAL / patricia hermida

Desde Aira, o seu director César Lorenzo Gil explica que “a iniciativa naceu do tradutor hai ano e medio cando propuxo publicar por primeira vez a obra completa de Kavafis ao galego, xa se editara parte da poesía con Rinoceronte pero nós conseguimos sacar este ano toda a obra grazas a unhas axudas á producción”. O volume amosa a gran riqueza do autor grego, fillo dunha familia de comerciantes emigrada a Alexandría (Exipto). “De Kavafis coñecemos os poemas máis épicos como Ítaca, pero ten outro nivel máis intimista sobre a homosexualidade, e descartes xa que el sempre se autoeditou”, indica César Lorenzo. O tradutor Miguel Ángel Areses levaba tempo traballando no proxecto “e a única editorial que apostou por el foi Aira”.

Areses Martín divide a obra de Kavafis en catro partes: “A maioría canónica que el decidiu editar, outros textos que permitiu que existiran aínda que non se publicasen, os descartados totalmente... e anacos de papel ou xornais onde escribía e correxía poemas”. Atemporal pero á vez lonxe da tradición grega, o poeta “está máis vinculado ao helenismo e ao Imperio Bizantino, na época de Kavafis fortalecíase a conciencia nacional coa independencia de Grecia... e el tiña as dúas fontes, a pagana da Grecia clásica e o cristianismo”.

Porque Kavafis ten tanto impacto mesmo nunha sociedade tan líquida como a actual? Apunta Areses: “Porque é poliédrico, ten unha parte atemporal de filosofía moderna e outra do erotismo de carpe diem: iso é moderno porque no século XIX era máis difícil falar de homosexualidade que na época clásica, el tivo a valentía de facelo”. Na súa visión do mundo, “persiste a dualidade do ying e o yang, o masculino e o feminino... a verdade atópase na poesía e no pracer sensorial”. Nas mortes e nos amores. E con tanta experiencia entenderás xa que significan as Ítacas.

Na beleza dos perdedores

Recorda o editor César Lorenzo Gil que “de adolescente mesmo comprara unha edición faltamente traducida, é un poeta moi asociado á adolescencia e moi lido polos poetas máis novos polo descubrimento das sensacións”. Un poeta do carpe diem? “Así é, no sentido de vivir o momento: el reivindica o pouso da cultura grega en Europa, tiña moita relación con Inglaterra e tamén nostalxia das glorias pasadas do seu país”, continúa Lorenzo Gil. Ese carpe diem funciona como “aparición do amor, dun amor prohibido e de encontros furtivos que se viven na clandestinidade”.

Engade Areses que os seus versos “buscan a beleza no corpo dun home e tamén nos perdedores, el prefire aos perdedores que ás glorias... ou en tal caso aos gañadores na súa época de decadencia”.

Suscríbete para seguir leyendo