Dolores Sánchez Palomino | Membro de número da RAG e catedrática de Filoloxía Románica da UDC

“En Galicia atopei unha lingua maltratada que necesitaba ser recuperada”

“Por desgraza aínda existen os prexuízos e necesitamos todas as mans para que iso cambie”

María Dolores Sánchez Palomino, no acto do sábado na Real Academia Galega.   | // REAL ACADEMIA GALEGA

María Dolores Sánchez Palomino, no acto do sábado na Real Academia Galega. | // REAL ACADEMIA GALEGA / patricia hermida

Polos misterios das linguas navegan filólogos tan recoñecidos como Dolores Sánchez Palomino. Cada lingua como unha aventura, como un xogo case matemático na búsqueda dun último significado. A catedrática de Filoloxía Románica da UDC acaba de ingresar como membro de número na Real Academia Galega. Natural de San Vicente de la Barquera (Cantabria), chegou á Coruña con sete anos. E pronto nacería a súa paixón polo galego. Ata tal punto que adica a súa vida a investigalo e defendelo, e comanda o proxecto do novo dicionario castelán-galego en liña da Real Academia. A maiores, codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega (DHELG), subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.

Dolores Sánchez Palomino, vostede é filla dun cántabro e dunha andaluza. E chegou a Galicia cando era unha nena de sete anos. Que lle namorou desta terra e da súa lingua?

Daquela era moi pequena e permeable, coma todos os nenos. Pouco a pouco fun descubrindo unha terra e unha xente marabillosas, e unha lingua maltratada que necesitaba ser recuperada.

O seu traballo sobre a lingua galega culminou co seu ingreso o sábado como membro de número na Real Academia Galega. Trátase esta entrada dun soño cumprido para vostede?

Coido que, para calquera que traballe no eido do galego, entrar nunha institución como a Real Academia Galega é un orgullo e unha honra. Aínda que eu xa viña colaborando coa RAG desde había décadas e mesmo sendo académica correspondente, o feito de que a RAG me considerase merecente desta distinción esperta en min un profundo agradecemento.

Precisamente vostede dirixe para a RAG o proxecto do novo dicionario castelán-galego en liña. Que aportará con respecto a outros dicionarios?

Este dicionario castelán-galego da RAG destaca polo seu tratamento das acepcións e dos equivalentes proporcionados, así como por outras informacións que aparecen nos artigos, coma a pronuncia, cando é pertinente, e as marcas relativas ao nivel de uso das palabras. Pero especialmente cómpre salientar a súa vocación didáctica, non só pensando no seu emprego no ensino, senón tamén nos usuarios en xeral, e a súa atención ao eido contrastivo entre ambas as dúas linguas.

Na súa intervención polo ingreso na Real Academia Galega vostede defendeu o papel que teñen os dicionarios bilingües. Son estes dicionarios un símbolo de que o galego é unha lingua máis viva que nunca?

O cotexo (no sentido lexicográfico) do galego con outras linguas serve, entre outras funcións, para a súa proxección lingüística e favorece a maiores o intercambio, non só desde o punto de vista lingüístico, senón tamén cultural. De xeito que, en efecto, dá proba da vivacidade do galego como unha lingua que mostra interese por outros idiomas e que tamén é un obxecto de interese por parte deles.

Tamén na súa intervención do sábado vostede dixo que ao non ser natural de Galicia chegou á nosa lingua cunha mirada libre de prexuízos. Considera que estes prexuízos aínda existen en parte da sociedade con respecto ao galego, como vemos a diario?

Si, está claro que, por desgraza, aínda existen os prexuízos. E son necesarias todas as mans, de dentro e de fóra, para que esta situación cambie.

“A lexicografía entre castelán e galego favorece o emprego da nosa lingua nos máis diversos ámbitos”

A maiores de ser unha das redactoras principais do Dicionario da Real Academia Galega actual (dispoñible en versión dixital desde 2012) e de comandar o proxecto da nova versión en liña, vostede tamén codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega. A quen vai dirixida esta última ferramenta?

O Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega (DHELG) é un proxecto de grande alento destinado á sociedade en xeral, non só adicado aos filólogos. E eu digo neste caso á sociedade en xeral porque este tipo de dicionarios mostran a evolución da lingua a través dos séculos. Pero, a través desa evolución lingüística, mostra tamén a evolución social e cultural do pobo que a fala. De aí a importancia deste dicionario histórico e etimolóxico para poder plasmar a identidade dun pobo.

Retomando ese proxecto que preparan do novo dicionario bilingüe en liña da RAG, incorpora 800 lemas máis que a edición de 2004 e 6.700 novas acepcións. Cando se iniciou o traballo nesta ferramenta e cando poderá estar lista?

Ese proxecto do novo dicionario galego-castelán leva varios anos de andaina e esperamos que no próximo ano 2023 poida ser xa posto en liña á disposición dos usuarios.

Que máis pode axudar á normalización lingüística desde o seu punto de vista como catedrática e agora membro de número da Real Academia?

Ademais de axudar na conformación, no asentamento e na difusión da variedade estándar do galego, a lexicografía bilingüe, (e en concreto aquela da que estamos a falar, é dicir a que se realiza entre o castelán e o galego) ten unha repercusión moi clara na diversificación funcional e estilística da lingua galega. Isto implica que favorece o seu emprego nos máis diversos ámbitos (desde os culturais e os científicos, ata os ámbitos profesionais…).

“Benvidas as redes sociais que favorecen a incorporación de mozos ao galego”

Considera que aínda hai escasez destes repertorios bilingües (como dicionarios castelán-galego) nas institucións académicas?

A verdade é que as academias do noso contorno non prestaron atención a esta liña de traballo. A Real Academia Galega si que o fixo, e considero que se trata dunha achega moi valiosa por parte desta institución.

Ten cada lingua algo de misterio que debe descifrarse, como comproba no seu traballo de filóloga (catedrática de Filoloxía Románica na Universidade da Coruña)?

Todas as linguas son fermosas. E a maiores como correa de transmisión dunha sociedade e dunha cultura e como organismos en evolución, as linguas son “infinitas”. Así que sempre teñen recunchos por descubrir.

Ultimamente vemos moitos proxectos impulsados polos máis novos. Desde o éxito de programas televisivos como #DígochoEu na TVG, ata o uso masivo do galego en redes como TikTok ou Twitter. Ou mesmo a última serie da RAG chamada Superheroínas con mulleres novas que destacan nas súas profesións. Que lle parece todo isto?

Pois penso que é moi positivo que as novas xeracións se incorporen ao uso e á promoción da lingua galega e todos sabemos que as redes sociais amplifican esa actividade porque chegan a moitísima xente coa súa difusión. Se o emprego das redes sociais favorece a incorporación dos mozos (e non tan mozos) ao uso do galego, pois entón que benvidas sexan. Porque a conservación da lingua, e neste caso do galego, pasa por eles: por todas esas mozas e mozos, que fan emprego das redes.

Suscríbete para seguir leyendo