Tres autores para unha ‘dramedia’

Lúa García, María Inés Cuadrado e Alberto Guntín gañan o premio da Asociación Sindical Galega de Guionistas: “O noso traballo ‘Acotío’ fala de cambiar a vida aos 58 anos”

Lúa García

Lúa García / LO

No máis cru do cru inverno, temos por diante días de ocio para ir ao cinema ou mergullarnos nas novidades das platormas. A ficción goza dunha saúde inmellorable, especialmente a feita con sangue galega. Como último exemplo, o traballo gañador do IV Premio Daniel Domínguez de guion en galego concedido pola Asociación Sindical Galega de Guionistas. O galardón foi para Lúa García, María Inés Cuadrado e Alberto Guntín como autores da comedia dramática Acotío. Unha dramedia cos toques máis exitosos do xénero: sorrisos, bágoas e unha protagonista encantadora.

Alberto Guntín

Alberto Guntín // LO / LO

O texto escribiuse a seis mans entre Lúa García (lectora de guións para TVE, nacida en 1996), María Inés Cuadrado (actriz e escritora de 1963) e Alberto Guntín (cunha recoñecida traxectoria na ficción, que tivo cargos directivos en xigantes como Netflix e nacido en 1973). “Eu traballo como analista autónoma de guións para TVE ademáis de presentar a concurso proxectos propios para facerme un oco”, indica a máis nova do grupo. Para Lúa García, gañar esta cuarta edición do Daniel Domínguez implica “recibir un premio ideal para conseguir financiación, para que se escoite o nome do traballo e podamos convertilo en realidade”.

María Inés Cuadrado

María Inés Cuadrado. //LO / LO

Para esta muller formada na ESCAC (Escola Superior de Cinema i Audiovisuals de Catalunya), traballar con ilustres da ficción galega supón “unha aprendizaxe constante, para darme conta das miñas virtudes e defectos no guion... sempre é máis enriquecedor traballar en equipo que soa”. Esa colaboración amósase en Acotío: “Este traballo guionístico fala de cambiar a vida aos 58 anos, é un drama con toques de comedia, unha dramedia sobre a vida cotiá”.

A Coruña é o escenario escollido para esta historia, “que amosa a vida da cidade e tamén dunha muller de 58 anos, que está a tempo de que lle cambie moito a vida”. Atópase a protagonista “nun punto onde debería estar todo resolto, pero chega a ser consciente de que as cousas son moito máis sinxelas e de que hai que poñer límites á xente”. O anuncio dunha amiga que se morre servirá de guía para aproveitar máis o momento.

Como coincidiron estes tres autores de diferentes xeracións? “María Inés é a parella do meu pai, ela tivo a idea do guion, gustoume moito e como acababa de facer o máster na ESCAC interesoume axudala”, explica Lúa. Aposta tanto por traballar as súas propias ideas como por escribir a dos demáis. Cando o texto de Acotío xa estaba avanzado, chegaron unhas axudas de Agadic e “contactamos con Alberto Guntín para ter outra visión desde fóra, nese sentido el axudounos bastante para dar os toques de comedia”.

O traballo de escritura entre tres autores resultou máis sinxelo do esperado: “Coa súa idea orixinal, Inés aportoume uns esbozos e eu desenvolvín a historia en forma de guion, Alberto propuxo máis cousas e aplicounas sobre todo no diálogo para levalo ata a comedia”.María Inés Cuadrado, ademáis de autora infantil e actriz de teatro, acaba de publicar un libro sobre a súa enfermidade Despertar mi alegría. Prácticas para tiempos de crisis (Medulia Editorial) e tamén lanzou a publicación ilustrada O Saxo de Miro (co Concello de Rianxo).A traxectoria de Alberto Guntín inclúe codizadas pezas da TVG como Serramoura, Matalobos ou Padre Casares.

Esta obra gañou a traballos doutros destacados profesionais do audiovisual galego como Fon Cortizo, Ángela Andrade ou Fernando Tato. “É un incentivo máis e unha alegría recibir o premio entre xente tan recoñecida na industria, e sobre todo para min que acabo de empezar”, indica Lúa García. O éxito dun guion radica na súa transformación material no audiovisual ou no teatro. “O máis importante é que Acotío se convirta nunha película, estamos en busca de financiación e o premio é unha axuda”, indica este equipo.

No seu traballo como analista de guións para TVE, Lúa García le os textos e elabora informes “o que me axuda aínda máis para o meu traballo”. Ela estudou primeiro Historia da Arte, pero xa desde adolescente volcábase coa escritura. “Cando acabei esa carreira apetecíame formarme na escrita audiovisual, botei a solicitude para a ESCAC e decidín que no caso de que me aceptasen adicaríame a este mundo”, conclúe.

Devoción polas series: de ‘Dead to me’ a ‘Fácil’

Por devoción e oficio, Lúa García ve moitas series: “Encántame a ficción, a última que vin foi Dead to me en Netflix, estiven super enganchada e ansiosa para que sacasen nova tempada”, indica. Das series españolas, “empecei a ver Fácil porque é bastante polémica aínda que eu observei varias contradiccións... e teño máis pendentes de visionado, ás veces por esa polémica que espertan”.

Esta cuarta edición do premio Daniel Domínguez foi convocada pola Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio de Fundación SGAE, a colaboración de Filmarket Hub e o patrocinio da Xunta de Galicia. O xurado estivo formado por Sara Gómez, Ángel Manzano e Víctor Grande, integrantes da xunta directiva de AGAG. E decidiu por maioría conceder o premio a Acotío “pola súa sensibilidade á hora de abordar temas tan delicados como a perda e a súa construción de personaxes que zumega verdade.”

Lúa García, Maria Inés Cuadrado e Alberto Guntín recibiron un premio de 2.000 euros polo mellor guion en galego 2022, xunto cunha subscrición gratuíta ilimitada ao mercado online da plataforma Filmarket Hub. As outras finalistas foron as pezas Abellón de Fon Cortizo, e Resurrection de Ángela Andrade e Fernando Tato. Polo accésit recibiron tamén a subscrición a Filmarket Hub.

Segundo indica a Asociación Sindical Galega de Guionistas, o Premio Daniel Domínguez de guion en galego “ten como obxectivos potenciar a lingua galega no audiovisual, promover aos autores e autoras que escriben en galego, e axudar a difundir o traballo dos seus socios”.

Suscríbete para seguir leyendo