Entrevista | Presentador ourensán do Benidorm Fest de TVE

Rodrigo Vázquez: “O meu avó díxome que tiña que ser dun equipo galego e alí estaba o Superdépor”

“Non me considero eurofan, pero oxalá houbese dous Benidorm Fest o ano. Boto de menos ese ambiente”

Rodrigo Vázquez.

Rodrigo Vázquez. / RTVE

Carlos Miranda

Carlos Miranda

Rodrigo Vázquez (Ourense, 1987) levaba anos como un dos rostros máis coñecidos da TVG. O pasado ano fixo as maletas a Madrid, a TVE. E recentemente asumiu o dobre mortal de ter que presentar o Benidorm Fest. Ese descoñecido para toda España que agora centra todas as olladas vive na Coruña, é do Dépor e aínda vai asimilando todo o que lle ocorreu no último mes.

Cando non está en Madrid gravando, vive en Galicia?

Na Coruña. Teño a miña familia en Ourense e a maioría dos meus amigos en Santiago, pero estou na Coruña desde hai ano e medio. Sempre na AP-9 facendo gasto.

Atópase xa en casa?

Claro. A Coruña é unha das mellores cidades do mundo para vivir. Grande para ter comodidades, pero sen ter as aglomeracións das grandes urbes, onde se perde a esencia. Hai barrios que manteñen todo iso como Monte Alto ou a zona de Zalaeta, onde paro bastante, Orillamar...Ter a praia de Orzán e Riazor, poder tomar un café e ler o xornal, mentres ves o mar. Hai moi poucas cidades do mundo que poidan estar á altura da Coruña en calidade de vida. Tamén Galicia en xeral.

“Hai poucas cidades do mundo á altura da Coruña en calidade de vida”

E que lle gusta facer cando anda pola cidade?

Os recados. Cando me falan de Madrid, se penso nunha mudanza, collo a baixa, toleo. Non quero nin pensalo. Sempre lles digo ‘cando estades en Madrid e falta papel de cociña, carne, café, eu penso en facer todo iso na Coruña mentres baixo, tomo algo na Galera...’. O día a día, facer as cousas máis mundanas nunha cidade tan bonita como A Coruña, xa parece un plan de fin de semana dos guais. Espero poder estar aquí moito tempo.

Xa asimilou todo o que aconteceu no Benidorm Fest?

Estou dimensionando todo. Fixen moitos programas, nada parecido o Benidorm Fest. Foi una deliciosa tolemia. Viña todo tan seguido que non tiña tempo de saborealo. Só nos momentos de soidade na habitación do hotel, cando saía un momento a terraza. Cada mínima palabra ou mínimo xesto... todo tiña máis repercusión. Segundo pasaban os días, fun un pouco máis consciente. Oxalá houbese dous Benidorm Fest todos os anos. Igual non todos os meses, pero... Boto en falta todo o ambiente, pasámolo moi ben. É un grande evento porque hai unha grande comunidade detrás. Ser partícipe de todo iso foi unha gozada.

Como llo propuxeron?

Por teléfono. Non podes dicir que non, nin había que pensalo. Nesta profesión escolles moi pouco porque hai ofertas que todo o mundo sabe que son un si e outras que van ser seguro un non. Impúxome máis despois, agora, que naquel intre.

“O concepto ‘novo Gayoso’ non existe. Se alguen quere esa etiqueta, vai mal”

Xa era eurofan ou agora non vai ter máis remedio?

Non me considero eurofan nin voulle coller agora bandeiras que non me corresponden. Son un seguidor de Eurovisión de sempre, porque sempre foi un espectáculo televisivo, pero non era dos quedaba cos amigos ese día para velo nunha casa. A acollida que me deu a comunidade foi deliciosa. Se xa antes me interesaba, agora un chisquiño máis. A ver que pasa en Liverpool, a ver que pasa con Blanca Paloma, a ver se pode gañar.

Menos mal que xa non estaban Tanxugueiras, porque así non había conflito de intereses...

Comentámolo, porque no tren coincidín con Olaia e Aida. Xa se anunciara que eu ía estar e falamos entre risas de que menos mal que non concidiamos. Eu xa as coñecía da TVG, dalgunha entrevista, e tiña unha relación especial con elas. Eu encantado de que volvesen e de que puidesen gañar, pero íalles ofrecer o mesmo trato, tiña que ter neutralidade. Iso si, sería divertido, polo menos con elas podía falar en galego, iso teriámolo seguro. Espero que sigamos tendo presenza galega no Benidorm Fest.

Víase como o contrapunto de Monica Naranjo e Inés Hernand?

Houbo moi bo rollo e funcionou ben. Pausa tampouco puxen moita porque son de falar rápido, ás veces demais. Era recoller o guión, facelo noso e pasalo ben porque iso se nota en cámara. Oxalá poidamos repetir.

"Eu encantado de que volvesen Tanxugueiras e de que puidesen gañar, pero íalles ofrecer o mesmo trato, tiña que ter neutralidade"

Tras a experiencia, que imaxe lle gustaría ter deixado?

O principal é que o pasen ben co show. Os presentadores non temos que ser protagonistas. Se alguén, despois da gala, dixo ‘este rapaz suma e non estorba’, xa me conformo.

Como leva o salto a Madrid?

Con morriña e resituando a vida entre un lado e outro, pero moi ben, estou cun equipazo.

Xa é un rostro coñecido non só en Galicia. Asúmeo ben?

Non meu caso foi todo moi gradual. Empecei a presentar en 2014. Ocorre unha vez, logo xa é cada dúas semanas, logo cada unha, e despois dia si e dia non. Se comparas agora con hai cinco anos, hai diferenza, pero como cada vez foi un pouco máis... Nunca sentín que fose una tolemia. A xente achégase con cariño, é un pracer, dinme que lles fago compañía co Cazador.

"O último día que estiven en Riazor foi no regreso de Lucas, pero perdinme o gol porque tiña que coller un avión a Madrid"

Vostede que estaba nas quinielas para suplir a Gayoso...

O concepto do novo Gayoso non existe porque aínda non é vello. É unha catedral da televisión. Ninguén vai ser un novo Gayoso e se alguén quere ir con esa etiqueta, vai mal. Isto vai de ser un mesmo. O oco que dentro de moitos anos deixará non vai haber alguén que o supla. Haberá outra persoa que estea no posto e que lle intente dar o seu flow. Na televisión non se pode trocar un cromo por outro.

Deulle algún consello Roberto Vilar cando marchou?

Temos moi boa relación. Díxome en ton de broma que me ía dar uns consellos, nunhas stories, para triunfar en Madrid, tirando de retranca máxima. O tempo que estiven no Quen anda aí? foi unha gozada. Empezamos como compañeiros e hoxe podemos dicir que somos amigos.

A morriña é menos sufrindo polo Dépor?

Iso xa non é morriña, é defecto do animal. Levámolo aí, estamos pendentes e a ver como acaba. A última vez que puiden ver o Dépor en Riazor foi no primeiro partido de Lucas. Iso si, non puiden estar no gol porque tiña que coller o avión e na segunda parte tiven que marchar.

Sempre apoiando...

Sigo o equipo, apóioo nas malas, porque nas boas é moi fácil. Aínda así, coido que socialmente estamos nunha das mellores situacións por clube, afección. O fútbol, para min, é bonito por iso. Da igual a categoría, é ver como está cidade co equipo, meter aí ás veces máis xente que en Primeira. Iso é o que me anima.

"O día a día, facer as cousas máis mundanas nunha cidade tan bonita como A Coruña, xa parece un plan de fin de semana dos guais"

Onde prendeu esa paixón?

Sendo moi cativo, meu tío que era do Madrid regaloume unha equipación e meu pai, que era do Barça, mercoume unha 24 horas despois. Tiña dúbidas, pero o meu avó, que era co que ía moitas veces ver o fútbol ao bar os domingos, dicíame que tiña que ser dun equipo galego, Celta ou Dépor. E díxenlle: ‘Tes razón’. Eu son do 87 e, claro, naquela época con cinco ou seis anos, estaba alí o Superdépor. Recordo os venres, cando o bus do colexio nos recollía, levaba o condutor por detrás un adhesivo que poñía ‘Forza Dépor’. E era Ourense, non A Coruña. Fíxenme con esa idade e na vida cambias de todo, xa se sabe, menos de equipo de fútbol.

Estivo no partido do Albacete?

Non, eu estaba sufrindo nunha voda dun dos meus mellores amigos na Coruña. Ía de testemuña e díxenlle: ‘Mira, vou meter o teléfono na chaqueta e non o vou seguir’. Pero o irmá do noivo íame contando. Achegouse e díxome ‘1-0’ e xa estaba tan ancho e tranquilo e moi contento. Cincuenta minutos despois, ‘1-2’, e aí xa saín ver como acababa. Púxenme a radio na Marina e sufrindo. Foi triste. Ese ano estiven en moitos, pero nese partido en concreto, non.

Sufre máis gravando nun día como o do Benidorm Fest ou nun partido do Deportivo?

Nos partidos moito máis. Por desgraza nos últimos tempos vivín máis descensos que ascensos. Estiven no partido do Valencia, en 2011, e despois había unhas eleccións municipais. Tiven que ir traballar ao día seguinte para a Radio Galega e non foi fácil Cabeza erguida.

Suscríbete para seguir leyendo