'Detrás do Espello', o ollar fascinado a Galicia de cincuenta autores do século XX

Antón Reixa e García Canido son os comisarios da nova mostra no Gaiás

Antón Reixa (esquerda) mostra unha das obras ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez (centro).

Antón Reixa (esquerda) mostra unha das obras ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez (centro). / Lavandeira Jr.

Ao longo destes anos houbo moitas as aproximacións á música tradicional galega, pero só unha foi merecedora dun Grammy. Santiago, o álbum publicado en 1996 polos escoceses The Chieftains, acompaña en Detrás do espello o galardón e a gaita do fundador da banda, Paddy Moloney, gañador tamén da medalla Castelao. As primeiras fotos en cor, tomadas en 1917 por George Chevalier, o diario da viaxe a Brasil de Stefan Zweig con parada en Vigo, onde tamén atracou Albert Einstein en 1921, ou as imaxes da visita de Stephen Hawking a Compostela poden verse na nova mostra do Museo Gaiás. 

Documentos, carteis, fotografías, cartas ou manuscritos conforman un percorrido composto por arredor de 300 pezas, incluíndo unha instalación do artista Hamish Fulton e unha vintena de audiovisuais. Están La Vía Láctea, a película de 1969 de Luis Buñuel na que dous vagabundos emprenden o Camiño a Compostela; tamén Los lunes al sol, de Fernando León ou El lápiz del carpintero, con Tristán Ulloa, María Adánez e Luis Tosar e dirixida por Antón Reixa. O músico, escritor e produtor audiovisual é precisamente un dos comisarios de Detrás do espello xunto a Xosé Luís García Canido. 

“A mostra permítenos aumentar a nosa autoestima, porque fomos recoñecidos por estas grandes figuras que nos miraron con cariño”, asegurou Reixa na presentación. “Se algo teñen en común todas elas é o seu ollar fascinado de Galicia”. Figuras do mundo das letras como Ernest Hemingway, Julio Cortázar ou Federico García Lorca, da arquitectura como David Chipperfield, ou da fotografía como Anna Turbau, Ruth Matilda Anderson e Sebastião Salgado, levan a pegada de Galicia na súa obra. 

Antón Reixa (esquerda) mostra unha das obras ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez (centro).

Antón Reixa (esquerda) mostra unha das obras ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez (centro). / Lavandeira Jr.

“É unha exposición de gran simbolismo, que sitúa Galicia lonxe dos estereotipos do atraso, do illamento”, afirmou o conselleiro de Cultura, encargado de inaugurar a mostra. Román Rodríguez destacou a oportunidade que constitúe Detrás do espello: “contrúe unha nova mitoloxía sobre a forma na que nos ven desde fóra, amplía a imaxe que temos sobre Galicia representada na arte a través do tempo”.  

Á pregunta de onde está Galicia na súa obra, García Márquez, respondeu que “na forma de contar das miñas novelas”. Desde Ourense, o son do chifre do capador José María Rodríguez, gravado no 52 polo estadounidense Alan Lomax, acabaría inspirando a Miles Davis e Gil Evans. De García Lorca algúns estudosos din que se fixo poeta despois de ler a Rosalía: “Eu son un poeta galego. Teño a mesma sensibilidade da choiva”. 

En conxunto a exposición, que pode visitarse a partir até o 11 de marzo, quere relatar Galicia a través de medio cento de olladas foráneas, revelacións “alleas” do noso país que forman parte xa do imaxinario colectivo.

Os sete volumes do Cancioneiro popular galego da musicóloga e compositora suíza Dorothé Schubarth, as fotos de Anna Turbau do Psiquiátrico de Conxo, onde se internou clandestinamente nos setenta para relatar as condicións das persoas ingresadas, son outras das obras a non perder.

Suscríbete para seguir leyendo