Fran Núñez | Director do Centro Dramático Galego

“Temos o desafío de conseguir aumentar o acceso ao teatro en todo o territorio galego”

“Outra liña estratéxica debe ser a internacionalización, o modelo do CDG inclúe a idea de abrirse a novas colaboracións”

“Temos o desafío de conseguir aumentar o acceso ao teatro en todo o territorio galego”

“Temos o desafío de conseguir aumentar o acceso ao teatro en todo o territorio galego” / Koro Martínez

Koro Martínez

Apenas estreado no cargo cando en 2020 a pandemia obrigou a pechar os teatros de todo o mundo, Fran Núñez (Vigo, 1986) destaca o traballo realizado, non só polo Centro Dramático Galego (CDG), senón polo sector en xeral.Márcase como desafíos unha maior internacionalización da compañía pública e garantir o acceso aos seus espectáculos a toda a cidadanía. Núñez ten claro que unha das principais liñas de actuación do CDG debe ser a de avanzar na estratexia da produción propia e a coprodución, un apartado no que Fran Núñez pon en valor as nove obras producidas en pouco máis de dous anos, “unha cada catro meses, ás que hai que engadir as xiras realizadas por Turquía, Arxentina ou Uruguai”. Todo iso, tal e como recalca, nun contexto postpandémico, posto que se puxo á fronte da dirección do CDG en xaneiro de 2020.

Que balance fai dos seus tres anos na dirección do Centro Dramático Galego?

Partindo da base de que empezamos co pé cambiado porque accedemos en xaneiro de 2020, e dentro das dificultades ligadas á pandemia, viñéronse facendo proxectos e estamos a avanzar na estratexia de produción propia, ámbito no que consideramos que cantas máis, mellor, e tamén na coprodución. Desde 2021 puxemos en marcha nove producións propias, unha cada catro meses, e a iso engádense xiras por Turquía, Arxentina, Uruguai...

Estreouse no cargo e dous meses despois pola pandemia pecháronse os teatros, non só de Galicia senón de todo o mundo. Como viviu aquela situación?

Como dicía, a entrada no CDG pillounos co pé cambiado, pero o sector en xeral fixo un esforzo enorme. Superado o confinamento, en xuño dese ano xa estaban os teatros abertos con ensaios. Nós abrimos en xuño o Rosalía de Castro porque xa estaba programado, e logo concentráronse case todas as obras nos últimos tres meses. Coa axuda das diferentes administracións e o compromiso por parte do sector, conseguiuse acabar 2020 con máis funcións nas redes municipais, provinciais e autonómicas da comunidade que en todo o 2019.

Recuperouse o sector en Galicia tras aquel parón?

En 2021 comezamos a recuperar a actividade habitual e o ano pasado funcionouse con bastante normalidade. De feito, en febreiro de 2022 viviuse unha situación fantástica, xa que nun mesmo fin de semana en Santiago houbo cheo no Salón Teatro, no Principal e no Auditorio, o que supón que 1.600 persoas estaban a ver teatro na capital galega nese momento, algo absolutamente marabilloso, e iso que aínda se estaba con máscara no interior. Fixemos un esforzo moi grande por non parar e o público non nos abandonou, houbo confianza en que os teatros eran lugares seguros fronte ao COVID, e iso foi fundamental porque o público é a razón da existencia do teatro.

Era obrigatoria a máscara, co que non podían ver no rostro dos espectadores a acollida...

Si, era unha dificultade engadida, un momento moi duro porque non podiamos ver como a xente reaccionaba, pero ao final chegábache a resposta que estaban a ter os espectadores e notabas que estaban a gozar do que estaban vendo no escenario.

Nalgunhas obras do CDG como a recentemente reestreada A contenda do río Miño, producida en colaboración coa Companhia de Teatro de Braga, participou como director escénico e como actor, como compaxina ese labor?

Era algo que xa facía cando traballaba no sector privado. Como director vexo moitísimos espectáculos ao ano, pode supoñer un mes completo de traballo, e ás veces é imposible conciliar pero, na medida do posible, hai que tentalo. Considero importante que o director dun teatro nacional traballe no ámbito artístico e non só na xestión, por múltiples motivos, entre eles pola necesidade de coñecer o que sucede a ambos os dous lados da profesión.

Que retos máis inmediatos a conseguir se propón para a compañía pública galega?

Temos o desafío de conseguir aumentar o acceso ao teatro en todo o territorio galego. Estamos moi contentos, por exemplo, co servizo de autobuses que permite traer público a espectáculos no Salón Teatro, como sucedeu hai pouco con veciños de Arnoia, Lalín, Boiro ou Rianxo. Consideramos que poder acceder ás obras da compañía nacional é un dereito, que en moitos casos se pode gozar cando se vai de xira, pero é importante este servizo de autobuses para os habitantes de localidades que igual non teñen espazos adecuados para acoller os espectáculos en xira. O que buscamos é que ao cabo de dous anos o público estea o máis próximo posible ao teatro. E outra liña estratéxica debe ser a internacionalización, en primeiro lugar porque o modelo do CDG inclúe a idea de abrirse a novas colaboracións, sobre as que debe render contas, e debe tamén tender pontes coa lusofonía, estreitar os lazos de colaboración en lingua portuguesa, ademais de participar nos diferentes festivais. O gran desafío pasa por aumentar a nosa presenza en todo o territorio e por fortalecer tamén a nosa presenza exterior, abrirnos cara fóra é clave.

Como se traballa nesa internacionalización?

Á marxe dos vínculos coa luxofonía que se inclúen no modelo do CDG, formamos parte de dous proxectos, un Erasmus e un Phone Creativo Europa. O primeiro iniciouse na etapa de Manuel Guede, seguiu con Fefa Noya e para nós tamén é moi importante que continúe. E o segundo é un proxecto no que participan oito países con linguas minorizadas; estamos no segundo de tres anos dunha iniciativa moi interesante, na que algúns dos participantes nin sequera teñen un teatro nacional propio. E a todo iso hai que engadir as colaboracións, como a de Clásicas Desfeitas coa Cidade da Cultura en coprodución con tres compañías de Portugal, Uruguai e Cuba, baixo a dirección de Iván Solarich o 17 e 18 de marzo; ou a tamén prevista dentro deste mesmo ciclo en coprodución coa Compañía de Teatro de México, un fin de semana despois, e na que comparto a dirección con Aurora Cano.

Débeda con Xohana Torres

Entre os proxectos máis inmediatos nos que está inmerso o Centro Dramático Galego, o seu director destaca o espectáculo Un hotel de primeira sobre o río, produción da compañía pública galega grazas á que, segundo asegura, sáldase unha débeda histórica coa súa autora, Xohana Torres. Dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, estará na carteleira do Salón Teatro entre o 30 de marzo e o 30 de abril, e despois está previsto facer unha xira con ela ata o 21 de maio. Unha débeda que desde o seu punto de vista tamén quedou saldada coa recente reestrea da obra A contenda do río Miño, xa que se cumpre o 50 aniversario da súa primeira posta en escena pola compañía coruñesa Teatro Circo, da man de Manuel Lourenzo e José Estruch. Ademais, e en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, o CDG está a representar ata o próximo 2 de abril a obra Shakespeare en Roma, un espectáculo a partir de diferentes textos do escritor inglés.