Premio ao proxecto coruñés na procura dun fármaco contra o cancro de colon metastásico

A científica Angélica Figueroa lidera a investigación do Inibic da Coruña, que acaba de ser recoñecida pola Real Academia Galega de Ciencias

Equipo que lidera Angélica Figueroa (centro) no Inibic coruñés.  | // LOC

Equipo que lidera Angélica Figueroa (centro) no Inibic coruñés. | // LOC / Alba Prada

Alba Prada

Xa se coñecen os premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia deste ano, uns galardóns que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain) e que recoñecen traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Son tres os traballos distinguidos e recibirán 6.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 21 deste mes, ás 19.00 horas, no Pazo de San Roque de Santiago.

Un dos galardóns, o Francisco Guitián Ojea, recaeu nun proxecto de gran calado: nin máis nin menos que nun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático. Unha investigación dos científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), liderada por Angélica Figueroa. O equipo premiado destaca que “a metástase do cancro é a principal causa de mortalidade por cancro e representa ao redor do 90% das mortes por esta causa”. Por tanto, “a identificación de novos fármacos contra a metástase contribúe a reducir a mortalidade e a mellorar a saúde dos pacientes oncolóxicos, incidindo ademais na sustentabilidade dos sistemas de saúde”. Segundo os datos achegados polos investigadores, o 25% dos cancros de colon son metastásicos e os estudos epidemiolóxicos prevén un aumento da incidencia para 2030. Nesta liña, traballan nunha diana terapéutica, denominada Hakai, unha proteína contra a que pretenden loitar baseándose na degradación de proteínas dirixida como unha das estratexias terapéuticas máis prometedoras para o descubrimento e desenvolvemento de fármacos en cancro.

Outro dos galardóns, o Fernando Calvet Prats, foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, coordinado por Alberto Bugarín. A spin-off InVerbis Analytics foi a merecedora da distinción. Por último, o premio Ricardo Bescansa Martínez foi para a empresa Diversa Technologies, unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do IDIS e o Sergas.