Entrevista | Olaia Maneiro Integrante de Tanxugueiras, Premio Opinión ao Acontecemento Musical do Ano

Tanxugueiras: “Chegar a un disco de ouro sen mudar o idioma é do que nos sentimos máis orgullosas”

“Nisto non existe gañar ou perder, para nós, o Benidorm Fest foi unha victoria”

O grupo Tanxugueiras

O grupo Tanxugueiras / POLARIDE

O grupo Tanxugueiras será recoñecida, na gala dos XXII Premios Opinión da Música de Raíz co premio Acontecemento Musical do Ano. As pandeireteiras máis célebres do país reciben este recoñecemento tres anos despois de acadar o premio Opinión á mellor adaptación dunha peza tradicional, un período no que as vidas das artistas sufriron un auténtico revulsivo por mor da súa participación no Benidorm Fest. A gala de entrega dos premios celebrarase o mércores, día 14 de xuño, no Teatro Rosalía.

Premio acontecemento musical do ano. Como lles encaixa esa etiqueta?

A verdade é que a nós as etiquetas, en xeral, non nos encaixan moito (ri). Estamos moi contentas por ser acontecemento musical. Moi contentas.

Hai tres anos, a gala de LA OPINIÓN recoñeceulles co premio á mellor adaptación dunha peza tradicional, por Desposorio. Agora reciben o premio ao acontecemento musical do ano. Como lles cambiou a vida neste tempo?

Dende 2020 a vida cambiounos nun 100%. Bueno, mellor, nun 70%, porque seguimos vivindo no mesmo sitio, estando coa mesma xente, pero a nosa vida mudou moitísimo, agora temos que coller avións e trens diarios, aprendemos moitísimo. Con todo o paso polo Benidorm fest, o novo disco, tamén sobre nós mesmas, a nosa vida pasamos de ser case anónimas a saber todo o mundo quen es. Nin mellor nin peor, diferente.

Os premios Opinión non son os únicos. Veñen de gañar premios MIN, acumulan nominacións en todo tipo de certames musicais.. afaise unha ao éxito?

E que nós seguimos sendo as mesmas. Cremos que é consecuencia dun traballo ben feito, non imos dicir que non, é un traballo valorado por compañeiros e xente que consume a nosa música, pero seguimos sendo as mesmas, aínda que dándonos a importancia de dicir que o estamos facendo ben, que este é o camiño a seguir.

Páranas moito pola rúa?

Agora xa non tanto, é como que a xente xa normalizou.Cando viñemos do programa era unha barbaridade, parecía que non podías nin ir comprar o pan. Non estabamos acostumadas a que a xente quixese sacar fotos con nós. Foi algo moi abrumador. Agora a xente si, coñécenos, algunha para sacar fotos, pero xa está máis normalizado. Estamos no momento máis doce da nosa carreira.

Xa está todo máis repousado.

Si, está todo máis repousado, estamos como moito máis tranquilas, somos máis conscientes de todo. Nunha semana, se o pensas, a túa vida cambiou radicalmente. Iso hai que asimilalo a nivel cerebral.

Tiveron moito que asimilar. Levaban xa uns anos en activo, pero nunha semana pasaron a ter fama ata case internacional. Ten partes malas o cambio de vida, a nivel emocional?

Si, a nivel psicolóxico é duro, aínda que o 90% é positivo, aínda que todo ten a súa parte negativa. Rodearte de moita xente de sempre, ter sempre os pés na terra, porque hai veces que te podes subir sen darte de conta. Dicir: imos centrarnos e ver que non somos nin mais nin menos, porque isto é así. Tivemos a sorte de estar sempre moi ben rodeadas e moi ben aconselladas, o que pasa é que é verdade que veste de súpeto con tanta exposición que o cerebro se satura.

Fala de estar cos pés na terra. No seu caso é literal, pois seguen vivindo en Galicia e non marcharon a Madrid, que é algo que á xente adoita sorprenderlle: non tiveron que marchar para triunfar.

Si, a xente cústalle entendelo, pero nós somos galegas, facemos música tradicional, amamos á nosa terra, e agora mesmo podemos ir a Madrid ou a calquera outra parte en avión e tren e volver. Nós amamos a nosa terra, as nosas raíces, e non queremos perder esa esencia. Facemos música tradicional, non tería sentido compoñela en outro sitio que non fora a nosa terra. Pola parte que me toca, non me moven de Galicia nin con grúa.

O Benidorm Fest foi un punto de inflexión nas súas vidas. Non resultaron vencedoras, pero ás veces, como no seu caso, non gañar non é perder.

Si. Sinceramente, non creo que nisto exista a palabra gañar ou perder. Nós consideramos que onde nos leva a vida alí vamos, e a vida tratounos moi ben: conseguimos todo o que anhelabamos en moi pouco tempo. Consideramos que foi unha victoria para nós por toda a exposición que tivemos e todos os concertos que demos.

Todo o que desexaban e máis: ata acadaron un Disco de Ouro, un dos maiores fitos da música contemporánea galega.

Eu aínda non mo creo, e vai para un ano que o teño na casa. Paréceme incrible. Date conta de que nós nunca mudamos o idioma, sempre fomos co galego e de cara co que somos, co que cremos e cos nosos principios. Chegar a un Disco de Ouro e a esa exposición sen mudar o idioma nin os principios é do que nos sentimos máis orgullosas. É moi fácil caer no “veña, imos chegar a máis xente”. Ás veces, ao mellor, si que se te pode ir a cabeza. E ter o sangue frío e o corazón na túa terra como para seguir con iso e conseguir un disco de ouro... eu xa non lle pido máis á vida.

Non se deixaron levar polas tendencias, pero si que colaboraron con moitos artistas do panorama nacional, como Rozalén, Rayden ou Macaco. Leváronos ao seu rego?

Si. A xente que contacta con nós ou coa que nós contactamos para colaboracións saben quen somos e o que facemos, e adáptanse a nós. A tradición ten algo moi positivo, e é que se pode mesturar absolutamente con todos os estilos de música. A tradición galega é capaz de mesturarse con absolutamente todo, é algo que temos moi a favor. A xente que contactou con nós foi porque lle gusta o que facemos. Moitos deles, como Rozalén, quixeron cantar en galego, e ise é o que gusta. Hai que ter algo diferente, e creo que por fin os galegos somos escoitados, é unha plataforma para todos, a xente ve que hai música en Galicia.

No seu último single, Aire, sen perder a esencia da música de raíz galega, atrévense coa rumba e ata cos ritmos do trap, e mesmo abandonan esa escuridade ritual dos inicios e flúen cara algo máis colorido e fosforescente. É unha nova tendencia a seguir, ou un experimento transitorio?

Coas Tanxugueiras nunca se sabe absolutamente nada. Sempre seremos cantareiras e pandeireteiras, e iso levarémolo ata a morte. Agora sacamos este single, Aire, que ten a sonoridade dos produtores, que son dous galegos. Viven en Madrid, pero son de Lugo, e teñen un sentimento moi especial con Galicia e co noso proxecto. Seguimos coa esencia galega. Hoxe podemos sacar unha canción super urbana e mañá outra solo con pandeireta, e pasado outra vez unha urbana. Queriamos que Aire fora algo como máis festa, menos escura.

Aínda non lles acusaron de volverse comerciais?

Hai opinións, pero é normal, a xente tampouco sabe o traballo que hai, nin quen eres, nin por onde estás levando a túa música. Entendo que é moi fácil crer que se nos vai a olla, porque a xente ás veces só se queda co de fora, co “estas van aquí ou van alá”. Nós quedámonos coas críticas construtivas, intentamos mellorar sempre, non somos perfectas, pero seguimos sendo as mesmas, e iso é o que queremos reflectir. Que é comercial? Que non é comercial? Quen che di que non podes mesturar a música con outro estilo? Sempre fixemos o que nos saíu do corazón, e así imos seguir.