Entrevista | Beatriz Martínez Arpa en Ghaveta, este mércores na Gala dos Premios Opinión de Música de Raíz

“Ghaveta sempre foi unha aposta persoal, non comercial”

“Leilía foi, é e será un referente, fixeron cousas en tempos nos que non tiñamos nada”

Integrantes do cuarteto Ghaveta, este mércores nos premios Opinión.   | // LOC

Integrantes do cuarteto Ghaveta, este mércores nos premios Opinión. | // LOC / Marta Otero Mayán

O grupo Ghaveta brindará unha actuación musical especial na gala XXI Premios Opinión de Música de Raíz, que terá lugar este mércores no teatro Rosalía de Castro.

Ghaveta é unha das actuacións máis agardadas da Gala Opinión dos Premios de Música de Raíz, na que comparten cartel con Tanxugueiras e Caamaño&Ameixeiras. Que teñen preparado?

Nós estamos encantadísimas de poder estas con ese super elenco. Non sei se será a máis esperada, pero para nós é unha actuación super importante, por con quen imos, por onde imos, tamén polo motivo da mesma. Iremos con todas as ganas, e sobre todo con tres temas novos: un deles vai incluír unha sorpresa, que non é tal, pero que é unha homenaxe a unha das premiadas, Leilía, vamos a por todas.

Leilía recibirá o premio Andaina Senlleira precisamente no ano no que anunciaron a súa retirada. Que supón a agrupación, unha das pioneiras na música tradicional, para todos os que viñeron despois?

Si, é curioso que xusto agora que hai un novo renacer ou un novo gusto por este tipo de música. Para todas nós Leilía é, foi e será un referente. O que fixeron fixérono moi ben, e en tempos nos que practicamente non tiñamos nada. Non tiñamos máis que as pequenas referencias das señoras das aldeas, que son outras que nos deron todo a elas e a nós tamén. Realmente para nós son o máis, non hai outra referencia coma elas.

Ghaveta componse de integrantes de outros proxectos musicais, involucrados en distintas familias da música de raíz, e conflúen nun son particular. Como se da esa unión?

Nace arraigado á escola de música tradicional de Vigo e a orquestra Sondeseu, onde todos xogamos parte, e como un proxecto de fin de estudos que tiña eu. Tiven que facer un grupo que non tiña que ter transcendencia, pero eu apostei forte por el. E así foi, que este ano facemos 10 anos, seguimos todo o activos que podemos, estamos preparando un novo traballo e seguimos a tope.

En dez anos sacaron dous discos, Disque (2015) e A raíz do pensamento (2020). Dá a impresión de que empregan un xeito de producir música lonxano ás dinámicas rápidas do mercado.

Si, é o que nos levaron os tempos. Tivemos bastante xira, bastante movemento, agora imos devagar, pouco a pouco montando as pezas, nos ensaios, cando tempos tempo. Non facemos pezas moi rápido nin moi apresurado. Traballamos devagar en proxectos potentes.Para ter continuidade, o proxecto ten que estar feito asi, para que teña solidez.

No renacer que estamos a vivir dos ritmos tradicionais, no que o grande público comeza a afacerse aos sons da pandeireta e ao xeito de cantar das cantareiras, o son de Ghaveta, co bouzuki e a arpa, todavía resulta novidoso para moita xente.

Si, sen dúbida, estanos axudando un pouco esa inclusión da pandeireta no panorama, que ben merecido o ten. Nós sempre abarcamos unha forma de facer música moi acústica, menos moderna do que agora está no panorama.Ghaveta sempre foi unha aposta persoal, non comercial, estamos contentas coa fórmula, sempre miramos ao futuro e reflexionamos. É un xeito de facer distinto, pero nos directos a xente sempre nos respondeu moi ben. O único que nos falta é máis directos, máis lugares nos que poder levar esta proposta a cabo.

O proxecto viuse truncado pola pandemia, cando publicaron o seu primeiro disco, o que limitou un pouco as súas posibilidades de promoción. Por que sentiron que era o momento de publicalo?

Si. Tiñamos gravado o disco dende decembro do 2019, e había que tomar unha decisión. Nós, como levamos ese ritmo do que falabamos, e non temos un ámbito comercial tan potente como para decidir se o sacamos ou non, pois tiramos para adiante. Non se rodou todo o necesario, pero estamos contentos co resultado, e temos moitas ganas de facer outra cousa e a ver que pasa.

Pasaron cinco anos dende o seu primeiro disco ao segundo, e outros tres ata o seguinte. No segundo xa se notou certa madurez. Como evolucionou a proposta?

Nótase moito o paso do tempo, nós ademais temos unha gran amizade e compartimos moitas cousas ademais da música. Nótase o repouso dos anos, o como nos entendemos, e como entendemos a música. Temos un xeito de ver a música moi similar, aínda que veñamos de diferentes vertentes. Marta está moi arraigada na música tradicional, ten o grupo Pandeireteiras Lagharteiras, que iso axuda tamén a achegarnos a outro estilos máis tradicionais; temos a Felipe, que está moi metido no tema do violín tradicional e outras músicas, e eu e mais Diego miramos ás veces máis para fóra, collemos ideas doutras músicas, africana, irlandesa, de Suramérica... miramos un pouco para fóra, imos collendo referencias de todas partes, pero traballamos ben en conxunto por iso, porque imos metendo pequenas ideas de cada unha de nós.

Dinlles moito iso de que teñen un son europeo, máis que galego?

Si, si que nos din, pero tamén é polo timbre, porque intentamos que os temas sexan bailables, que teñan a súa esencia, pero ás veces é complicado manter unha esencia galega co timbre que temos, e que sexa bailable, é normal que soe europeo, tampouco nos imos ofender.

Que se pode saber do novo proxecto que están preparando?

Arriscamos un pouco máis no novo traballo, aínda que seguimos a mesma liña de composición. De momento non hai bases, mantémonos fieis ao noso son. Seguimos creando música, hai algunha composición polo medio, sobre todo de raíz tradicional galega, pero sobre todo buscamos novos sons e novos ritmos, que se poderán ver o mércores. Estamos moi contentas co resultado.