Un filme en galego loitará por primeira vez pola Concha de Ouro en Donosti

Será ‘O corno’, da directora Jaione Camborda, ambientada na Galicia dos anos 70 | Está protagonizada pola bailarina Janet Novás e chegará aos cinemas en outubro

mar mato

O cinema galego segue a sumar puntos na súa historia máis excelsa. O novo fito, lograr que por primeira vez unha longametraxe en galego loite polo premio principal do Festival de San Sebastián. O corno, da realizadora vasco-galaica Jaione Camborda, terá a súa estrea na cita de Donosti e aspirará a levarse a Concha de Ouro, segundo comunicou onte a Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas.

A protagonista da película, unha road movie que se estreará nos cinemas o 11 de outubro, é a bailarina Janet Novás que nos leva á Galicia dos anos 70 desenvolvendo o rol dunha parteira que ten que fuxir a Portugal. Nesta nova edición da cita cinematográfica máis importante do Estado español, que se celebrará entre os días 22 e 30 de setembro, o filme de Camborda medirase con outras obras que prometen poñerllo difícil no camiño ao galardón.

Contrincantes

Entre as contrincantes, atópase a nova película de Isabel Coixet. Curiosamente, será tamén esta a primeira vez para a multipremiada e afamada realizadora que opte á Concha de Ouro. O filme elixido é Un amor.

Outra obra que competirá pola Concha de Ouro será O soño da sultana, producida pola firma galega Abano Films (da produtora Chelo Loureiro que se ten feito con varios Goyas nos últimos anos) e na que traballaron dúas animadoras galegas se ben a dirección recae na vasca Isabel Herguera.

Suscríbete para seguir leyendo