'Gordofobia', a violencia da báscula

Expertas analizan a discriminación por non ter o peso ideal mentres a activista galega Alba Cobo pon en marcha ‘Sanarmos’ para traballar a aceptación do corpo

Desfile de tallas grandes.

Desfile de tallas grandes. / Víctor Echave

Mar Mato

“A cultura da imaxe que potencian as redes sociais está afectando moito. A viralidade do seu discurso é moi potente. Hai retos en TikTok de cantas veces es capaz de vomitar no mesmo día. Potencian a restricción e os trastornos da conduta alimentaria que é unha doenza moi grave”, sinala a activista galega Alba Cobo, organizadora o pasado verán en Vigo do festival “Y se armó la gorda” —un éxito total de convocatoria— co que se tratou a gordofobia.

Esta activista pon agora en marcha na cidade olívica, a partir de outubro, un encontro —que se desenvolverá cada mes— baixo o título de Sanarmos.

“Queremos facer encontros mensuais —explica— para crear espazos para coidarnos, conectar co noso corpo. O principal motivo é crear rede, ter un espazo seguro onde poder falar para traballar a autoestima, o empoderamento corporal, a aceptación do corpo... Sempre vai haber unha convidada para traballar diferentes aspectos. Imos comezar cunha nutricionista con outro enfoque non pesocentrista que introducirá as bases da alimentación intuitiva con diferentes exercicios”, detalla mentres engade que quen queira pode anotarse vía Instagram de Outroconto.

Alba critica que “o canon de beleza feminino é o mesmo agora que era nos anos 90 e 2000. Hai avances, polo menos ponse no centro o debate de que iso non pode ser así. Cada vez hai máis activistas nas redes sociais [que chegan ás persoas máis vulneables, as mozas, as adolescentes”.

Esta moza acode aos colexios e institutos para impartir obradoiros onde trata de cuestionar mensaxes. “A cultura da dieta e a tiranía da beleza sobre os corpos das mulleres apelan a un problema individual. Nós pensamos que é así, que é a nosa culpa. No taller, antes de traballar a aceptación corporal intento situar o inimigo fóra. Falo das mensaxes que recibín na miña adolescencia sobre os corpos das mulleres para despois facer xogos con dinámicas para traballar a imaxe corporal”, explica.

Entre as mensaxes que cuestiona figuran aquelas que apela a facer dieta para adelgazar cinco ou dez quilos preparándose para o verán o que, segundo expresou, pode afectar a xente sensible como as adolescentes.

Alén das iniciativas dende a cidadanía como a de Sanarmos, entidades como o Consello da Cultura Galega tamén poñen o foco no tema. Recentemente organizaron a xornada Gordofobia, coordinada por Carme Adán e María Xosé Porteiro. A presidenta da entidade defendía a celebración da mesma ao indicar que “sempre nos preocupa a vulneración dos dereitos”.

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, sinalaba alí que hai que visibilizar a discriminación por gordofobia e lembrou como “o Tribunal de Xustiza da Unión Europea coñeceu o caso dun señor despedido do traballo no que levaba 15 anos por disminución da demanda. Tiña obesidade mórbida e traballaba para unha entidade local que lle chegou a financiar tratamentos para perder peso. El considerou que a razón de ser escollido para o despido é que era obeso. A sorpresa foi que a gordofobia non estaba contemplada como causa de discriminación pero o Tribunal buscou unha saída: se a obesidade supón unha barreira para manter o emprego, podería haber discriminación por discapacidace e aceptaron a discriminación”.

A Valedora indicou que non axustarse a un modelo hexemónico de beleza implica violencia ao tempo que nos casos de obesidade sempre se culpabiliza á persoa que a ten. “A sociedade e as administracións emoita clase médica consideran que se están gordos é por vicio e porque non queren adelgazar”, indicou.

Outra voz participante foi a actriz Teté Delgado quen indicou que sempre foi gorda pero que no colexio nunca sufriu acoso por iso: “Moitas veces é cuestión de actitude. Nos michelíns non están nin a felicidade nin a intelixencia. Pero si vivín a violencia na rúa cando me chamaban gorda con ton desagradable. Aguantabas iso porque se pensaba que había que aguantar”.

A editora e escitora de Curvy, Covadonga d’Lom ofreceu un facho de esperanza. “Os millennials foron os primeiros en dicir non. A xeración Z dixo non vou pasar por isto por iso. Teñen as ideas claras. Teñen orgullo do que son independentemente do que pesen”.

Teté Delgado: “Estou gorda porque quero”

Teté Delgado aproveitou a súa participación nas xornadas do Consello da Cultura para ofrecer a súa visión dende o humor. Alí sinalou: “Estou gorda porque quero, porque non me compensa facer o que se debería facer para ter un corpo normativo. Quero vivir máis tranquila”. Delgado engadiu que “a min, a gordura non me define. Eu estou gorda, non son gorda. Iso lévache a pensar noutra actitude. Non debemos ir pedindo perdón por estar gorda. Tería que dar igual”. Lamentou que “os gordos no cine non se nos ve. Non se nos ten en conta. O cine e a televisión son máquinas de fantasía. Non ensina a xente normal. Os gordos sentímonos excluídos da normalidade ao non vernos reflexados alí”. Nas xornadas tamén participou a editora Covadonga D’Lom polo seu álbum ilustrado Curvy, publicado no 2016 por Lumen en clave humorística a partir da súa experiencia persoal. “Cando empezou o fenómeno curvy eu acababa de rematar un réxime con adestrador persoal. Perdera 20 quilos e de súpeto lin: “Os cabaleiros preférennas gordas” ou “A XL é a nova S”, recordou. Para ela, naquela altura o termo curvy era “simpático” para enfatizar que non sempre ter sobrepeso está ligado a ter mala saúde. “Teño unhas analíticas perfectas, e coñezo xente delgada que se alimenta mal”. Pero sobre todo no que se fixou foi en como a sociedade se cre con dereito a opinar sempre sobre as mulleres:“O corpo dunha muller é un obxecto do que se pode dicir de todo. Ese é o problema. Se Leonardo Di Caprio aparece colgándolle a graxa en Malibú din que é un fofisano. Pois non, é gordo”.

Suscríbete para seguir leyendo