Un premio para recoñecer o traballo dos centros educativos a prol da convivencia

B. C. [ a coruña]

A Xunta de Galicia vén de lanzar o primeiro premio ConVivimos, de convivencia e benestar para recoñecer o bo traballo, a implicación e o esforzo dos centros educativos a prol das melloras enfocadas a consolidar a convivencia positiva nas aulas baixo o paraugas de respecto e equidade.

Impulsado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, a finalidade deste novo galardón é destacar aquelas actuacións e proxectos desenvolvidos desde colexios e institutos que impliquen un alto grao de compromiso coa mellora da convivencia escolar e do benestar emocional, así como para visualizar o esforzo realizado polos centros neste eido.

Tal e como pode consultarse no Portal Educativo, a convocatoria vai destinada a todos os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que dispoñen de prazo ata o 23 de outubro para presentar os seus proxectos, que poden ser de carácter individual ou colectivo. Cada centro poderá presentar unha única solicitude que irá acompañada dunha memoria descritiva do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de convivencia e benestar emocional.

Unha comisión de selección encargarase de avaliar os proxectos presentados, tendo en conta aspectos como a calidade das accións desenvolvidas, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, o impacto no proceso de ensino-aprendizaxe e a súa repercusión no conxunto do centro, entre outros.

A Consellería destina un total de 18.000 euros a este galardón, que se distribuirán a razón de catro premios (primeiro, segundo, terceiro e mención de honra) para a modalidade de Primaria e outros tantos para a de Secundaria (que abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial). Así pois, o centro que acade o primeiro premio recibirá 5.000 euros, o segundo recibirá 2.500 euros, o terceiro 1.000€e a mención de honra 500 euros.

O premio ConVivimos forma parte da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 e incorpórase ao paquete de medidas neste ámbito impulsadas pola Consellería de Educación e que suman un investimento de 3,3 millónes de euros. Cómpre lembrar que o Goberno galego sitúa o benestar emocional no ensino como unha prioridade estratéxica que agora se reforza con esta nova iniciativa.