‘Cibercarracho’, termo do ano seleccionado polos usuarios no Portal das Palabras da RAG

O neoloxismo, que tira do humor para alertar dos riscos da ciberdelicuencia, foi o máis apoiado cun 40 por cento dos votos | A segunda voz máis votada foi ‘feitiño’, con algo máis do 30%

Adriana Quesada

O lema ciberdelicuente figura dende hai un tempo no Dicionario en liña da Real Academia Galega (RAG) para designar á persoa que comete un acto delituoso por medio das tecnoloxías da información e da comunicación. Non obstante, a pesar de que este tipo de delitos están á orde do día e son un tema de preocupación social, o humor rematou por gañarlle terreo co termo escollido como Palabra do Ano no Portal das Palabras da Real Academia Galega e a Fundación Barrié: cibercarracho, -a, con máis dun 40% dos votos. A segunda voz máis apoiada foi feitiño, -a, con algo máis do 30% dos votos, seguida de ‘biodiversidade’, ‘dereitos humanos’, ‘educación emocional’ e ‘cooficialidade’.

Cibercarracho é o termo que acaba de ser elixido nun momento en que grandes empresas de múltiples sectores e institucións públicas e privadas de todo o mundo están a ser obxecto de graves agresións deste tipo de delitos, que tamén afectan cada vez máis a particulares. Segundo sinala Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, “non é un termo que estea recollido no diccionario”. De feito, xurdiu dunha forma orgánica dentro dos sectores informáticos que tratan con este tipo de problemas no seu día a día e, ademais, foi impulsada por Esther Estévez en #DígochoEu, quen a deu a coñecer entre os seus seguidores en redes sociais.

Cibercarracho logrou máis do 40% dos votos, mentres que a segunda palabra máis apoiada foi feitiño, cun 30%. Non obstante, segundo sinala Víctor Freixanes: “Tivo éxito dende o principio grazas a esa capacidade que ten a lingua de dar respostas dende o humor. Proba que o idioma ten unha intelixencia natural para elaborar respostas humorísticas ante novas situacións”.

Entrará no diccionario? “Depende moito dos nosos filólogos e expertos, pero estou seguro de que na próxima sesión este tema estará presente”, asegura o presidente da Real Academia Galega. Non obstante, cre que os neoloxismos hai que deixalos repousar durante un tempo para saber se rematarán por formar parte da forma de falar da comunidade. “A lingua é un patrimonio dos falantes, que teñen o xenio e arte suficientes para crear o idioma”, asegura.

‘Polarización’, a palabra escollida por FundéuRAE

Debido a súa ampla presenza nos medios de comunicación, a palabra do ano escollida pola Fundación del Español Urgente (FundéuRAE) foi “polarización”. Segundo sinala a Real Academia Española, polarizar é “orientar en dos direcciones contrapuestas”, unha acción que estivo moi presente no día a día da cidadanía debido ás distintas situacións políticas que se estiveron a vivir durante este ano. Segundo sinala Julio García Gómez, experto en estratexias de comunicación e linguaxe da Fundación Casaverde: “La polarización puede estar en hechos, situaciones o circunstancias. Por eso esa palabra, a raíz de la crispación que hay en diversos ambientes políticos o sociales, se ha utilizado mucho en los medios de comunicación”.