Os centros de FP poden incorporar espazos de tecnoloxía aplicada e emprendemento

Alumnos en un centro coruñés de FP.

Alumnos en un centro coruñés de FP. / VÍCTOR ECHAVE

Os centros de FP poden solicitar xa incorporar novos espazos de tecnoloxía aplicada e aulas de emprendemento. A Xunta publicou no Portal Educativo estas convocatorias, que teñen como obxectivo mellorar as perspectivas laborais dos estudante facilitándolles entrar en contacto con elementos e ferramentas tecnolóxicas que se empregan nas empresas e fomentando o emprendemento.

Ambas iniciativas entroncan cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia, as follas de ruta do Goberno galego para continuar consolidando estas ensinanzas ao longo da década.

No caso dos espazos de tecnoloxía aplicada, a convocatoria conta cun orzamento total de máis de 2 millóns de euros para transformar 38 aulas nestes espazos, cunha achega de 55.000 euros para cada un deles.

A través deste programa, os centros de FP poden dotar as súas aulas con ferramentas e elementos que simulan as contornas laborais, nas que se poden empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos apoiados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais. Así, os espazos están dotados de equipamento como impresoras 3D, sistemas de realidades inmersivas e de realidade mixta/virtual, sistemas holográficos, recursos de intelixencia artificial aplicada ou equipos informáticos de altas prestacións, entre outros, en función das especialidades e familias profesionais.

O obxectivo é reforzar a conexión das ensinanzas de FP coa realidade dos centros de traballo e dinamizar a transferencia tecnolóxica entre os centros e o tecido produtivo. Un centro educativo poderá presentar máis dun proxecto de creación de espazo de tecnoloxía aplicada. Neste caso deberá presentar unha instancia de solicitude por cada un deles. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 19 de febreiro.

As aulas de emprendemento procuran fomentar o espírito emprendedor e canalizar as iniciativas do alumnado, proporcionando orientación para a materialización das súas ideas, así como a participación en proxectos con outras entidades e organizacións.

Nestes espazos desenvólvense accións formativas, de asesoramento e de desenvolvemento dos estudos e informes previos á posta en marcha de proxectos empresariais. Trátase, polo tanto, dun soporte organizativo, técnico e de infraestruturas nas fases iniciais dos proxectos emprendedores para crear un marco de fomento e desenvolvemento de startups. Ademais, cada centro deseña actividades específicas relacionadas cos sectores produtivos do ámbito de actuación do centro,

A través desta convocatoria crearanse un total de 100 aulas de emprendemento para o que recibirán unha achega de 5.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 20 de febreiro.