Medo a voar: unha fobia que o cine alimenta

Oito de cada dez cidadáns teñen en maior ou menor grao temor a viaxar en avión

Os expertos recomendan afrontalo sen evasións nin fármacos

La sociedad de la nieve’ é o último exemplo de como moitas ficcións audiovisuais recrean accidentes aéreos

Un instante del rodaje de 'La sociedad de la nieve'.

Un instante del rodaje de 'La sociedad de la nieve'. / Netflix

Alba Prada

La sociedad de la nieve, do director J.A. Bayona, é un dos filmes do momento. Acumula nin máis nin menos que 13 nominacións aos Goya, e dúas candidaturas aos Óscar. A película gañouse a admiración de público e crítica e xa moitos a consideran a mellor cinta de Bayona. Esta produción audiovisual, baseada en feitos reais, conta o accidente que sofre un voo procedente de Uruguay. O avión con 45 ocupantes estrélase nos Andes e deles, 16 conseguen sobrevivir nun dos entornos máis hostís do planeta durante 72 días.

La sociedad de la nieve é un perfecto exemplo de como ao cine lle encanta reproducir accidentes aéreos porque son sucesos moi impactantes. Neste caso, ao estar o filme baseado en feitos reais, é moi doado que poida espertar novos medos entre aqueles que xa non son moi amigos dos avións. “Cando ocorre un accidente aéreo ocupa as portadas de todos os medios porque é unha gran traxedia. Ver unha película ou ler unha nova pode levarte a pensar que o que non era para ti ameazante, o pode ser”, explica Xacobe Abel Fernández, psicólogo clínico e presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

O medo a voar, coñecido como aerofobia, afecta en maior ou menor grao a un 80% das persoas a nivel global, segundo explica o especialista. Con todo, é difícil obter datos fiables “porque é un problema que se manifesta cando a xente ten que voar e non todo o mundo o ten que facer, polo que habería persoas sen diagnosticar”, di. “Arredor dun 10% dentro desa porcentaxe tería un grao alto de fobia a voar e trataría de evitalo ou pediría axuda psicolóxica en caso de precisar coller un avión”.

Pero por que xorde este medo? O psicólogo cita, entre outras posibles causas, que somos capaces de evocar moi doadamente accidentes aéreos, tal e como se ve no cine, e porque é un medio descoñecido. “Ti podes coller o coche todos os días pero sabes que non deixa de ser un carro con motor que vai polo chan. Xa no barco, controlamos menos porque o chan é a auga... e o aire xa é o medio máis traicioneiro. Voamos a gran velocidade e é un medio completamente alleo sobre o que non temos ningún control”, explica.

Por outro lado, aínda que as estatísticas ditan que os accidente aéreos son moi pouco frecuentes “non é o que se percibe”, di. Con todo, o psicólogo recorda que “é certo que son pouco frecuentes porque están moi controlados e revísase que se cumpran os protocolos porque calquera accidente é catastrófico. O medo colectivo fixo que fose moi seguro”, argumenta. Iso si, “hai que pensar que se todos nós tivésemos avionetas outro galo cantaría”.

As persoas que sofren de aerofobia senten pánico á hora de coller un avión, polo que optan por evitalo ou ben, se teñen que toleralo, poden facelo pero cun nivel de malestar moi alto. “Para que nós o consideremos un problema ten que precisar empregalo dalgunha maneira e isto estarlle repercutindo negativamente na vida dende un punto de vista psicolóxico”. Se unha persoa ten medo a voar pero non voa porque non o precisa, “aquí non precisaríamos terapia, só cando hai que facelo e o medo o impide entramos os profesionais da psicoloxía”, puntualiza.

Tratamento

E como se combate ese pánico? Pois expoñéndose ao que nos produce medo. “A cuestión é como facelo nunhas condicións que nos garantan que ese medo a voar diminúa e non se agrave. Porque se alguén, por exemplo, ten medo aos ratos e o metemos nunha habitación chea deles, igual sae traumatizado”, explica. “A veces cando intentamos que alguén enfronte os seus medos, facémolo sen as debidas precaucións e sen comprender o marco, e iso pode ser contraproducente. A persoa ten que enfrontarse voluntariamente, non vale obrigala a meterse nun avión”.

Xacobe Abel Fernández indica tamén que para superar a aerofobia non é válido tratar de vencer os medos drogado. “Non vale tampouco evadirse do que está sucedendo. Pero para que unha persoa esté disposta a evitar todo iso, hai que facer un traballo importante de análise de todos os medos primeiro”. Deste xeito, aconsella que “se a persoa ten medo a que caia ou explote o avión, é bo que se informe de todos os protocolos e de como funcionan porque isto pode darlle un primeiro punto de seguridade. Unha vez traballado todo isto e que xa non haxa medos racionais que explicar e se entenderan os irracionais, chegaría o momento de achegarse a todo o que ten que ver cos avións como o aeroporto ou check-in”, explica. “E por último, colleríase o avión e faríase unha viaxe o suficientemente longa que permita ter medo e que se disipe”. E a partir de aí, habería que seguir collendo o avión.

O experto rexeita o uso de fármacos como medida contra a aerofobia. “Poden permitirche enfrontarte ao voo unha vez, pero acabas dependendo sempre deles”, asegura. “Se tes que voar cen veces, as primeiras cinco pasaralo mal, pero supéralo. Se o fas co fárcamo as primeiras cinco conséguelo con moito menos esforzo pero as outras 95 seguirás tendo medo e malestar e pensarás que non tes capacidade para afrontar esta dificultade”, di. “Iso si, pode ser útil se só vas voar unha vez na vida”, engade.

Tampouco recomenda a técnica de evadirse por exemplo con música. “Pode valer para o despegue ou na aterrizaxe, pero o problema é cando ese medo no pasado che impediu voar e decides evadirte en toda a viaxe e intentar non vivila. É moi complicado, ten que haber algo de tolerancia para que as evasións puntais se poidan dar”.

Suscríbete para seguir leyendo