A Xunta convoca 648 prazas de estadías lingüísticas de verán

B. C.

A Xunta de Galicia convoca un total de 648 prazas dirixidas ao alumnado de Bacharelato para realizar durante este verán estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán.

O alumnado que resulte seleccionado disporá de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto

O Goberno galego destina preto de dous millóns a esta actividade, de tal xeito que se subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Con cargo a esta partida, a Xunta sufraga parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso. O prazo para tramitar as solicitudes permanecerá aberto ata o 12 de marzo.

Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2023-2024; ter acadado unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de 6 no curso 2022-23, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.

O propósito desta iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras Edulingüe 2030, non é só que o alumnado asistente aprenda un idioma estranxeiro, senón tamén entrar en contacto con outras linguas, persoas, culturas e realidades nun contexto de inmersión ou integración nun país estranxeiro. Deste modo, favorécese o acceso a un mercado laboral cambiante e contribúese de xeito moi significativo ao desenvolvemento académico e persoal do alumnado.