Entrevista | Xurxo Lobato Fotoxornalista e autor de ‘Rostros da memoria. Ferrol, 1972’

“Díxenlles: pensa no 72. E cambiáballes a cara. A Fernández Toxo case lle cae unha bágoa”

“Este traballo é unha homenaxe ás vítimas e unha chamada de atención para non esquecer”

Xurxo Lobato

Xurxo Lobato / Casteleiro / Roller Agencia

Rafael Pillado: Catro anos de cárcere e multa de 250.000 pesetas. Xan María Castro.: Torturado, cárcere e multa de 150.000 euros. Irene Piñeiro: Traballadora do comercio detida. Nomes e rostros que apareceron un día en fichas policiais na ditadura, como explica a historiadora Ánxela Loureiro, hoxe aparecen de novo en fotografía, pero honrados, homenaxeados en toda a dignidade que merecen polo coñecido fotoxornalista Xurxo Lobato, en 2022 en formato exposición e en 2023 nun libro, Rostros da memoria. Ferrol 1972, que presentou a pasada semana en Oleiros, editado por Fuco Buxán. Na obra amosa trinta retratos en branco e negro, facianas de represaliados que Lobato localizou logo dunha labor de investigación. Este coruñés leva recollido varios premios, dirixido documentais e participado en máis de 60 libros ademais de contar con obras en varias coleccións públicas.

Como xurdiu a idea deste traballo?

En decembro de 2021 o histórico sindicalista Rafael Pillado, que aparece na portada do libro e que morreu o ano pasado, díxome se se me ocorría algo para celebrar ao ano seguinte o 50 aniversario do Día da Clase Obreira Galega, que ten a orixe no asasinato dos mozos Daniel e Amador o 10 de marzo en Ferrol, na mobilización dos traballadores de Bazán despois duns despidos mentres negociaban o convenio colectivo. Eu pensei en darlle continuidade a un traballo que fixera en 2007 con retratos de represaliados polo franquismo, pero facendo algo máis popular, que puidese verse na rúa, con máis divulgación. De aí xurdiu a exposición e logo o libro.

Non tivo que ser doado localizar a estas persoas despois de 50 anos.

Tiven que facer un traballo de investigación profundo porque non sabiamos quen quedaba vivo daqueles que protagonizaron os sucesos. Rafael Pillado coñecía a algúns. En calculaba que podería conseguir dez ou doce, e conseguimos trinta. Contactei con xente de CCOO e facilitáronme unha copia facsímile dunha revista que editaban no 74 ou 75, coa listaxe de todos os represaliados. Pero unha cousa foi os nomes, logo saber cales estaban vivos e conseguir a dirección. Co sindicato, con Pillado, coa asociación Fuco Buxán, uns que falan con outros...fomos conseguíndoos. O Ateneo de Ferrol deixoume a sede e montei un estudio e foron pasando para facer a foto, outra xente que non podía moverse, fun eu á súa casa. O que foi secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, veu desde Madrid.

O libro amosa trinta fotografías en branco e negro, con fondo negro. Por que esta forma de retratalos?

Son primeiros planos porque eu quería que o protagonista fora a cara, o rostro da persoa. Cando che din que poses para unha foto, sorrís. Eu díxenlles: pensa no ano 72. E aí podo asegurarche que lles cambiaba completamente a cara. Fernández Toxo emocionouse de tal maneira que estivo a piques de caerlle unha bágoa. O fondo negro é porque quería que todo se centrara, ao mirar, na xestualidade da cara. Se tes algo de fondo, distrae. E o branco negro engade sobriedade e dramatismo.

Quería destacar a ollada.

É que a mirada é todo, o di todo. Mira, por exemplo a mirada de Paco Rodríguez, a do xornalista Torregrosa, a de Ramiro Tenreiro, que foi torturado (sinala as fotos do libro).

Os retratados son...

Case todos traballadores do naval pero tamén, cregos, un catedrático, un xornalista, unha traballadora do comercio, un albanel, unha profesora...Está Suso Díaz, pai da ministra Yolanda Díaz.

Este traballo non é coma outros, aquí hai un compromiso.

Fíxeno coma un compromiso persoal cara un tema que eu creo que é importante divulgar, que é a represión no franquismo. A maioría social non acaba de ser consciente do que foi o franquismo, de aí o auxe da ultradereita. Houbo xente que sacrificou as súas vidas, pasou anos na cadea, perdeu o seu traballo, con multas moi elevadas. Sufriron desterro, torturas. Se sacrificaron para que nós agora gocemos das liberdades. Este traballo é unha homenaxe ás vítimas e unha chamada de atención para non esquecer o que custou traer a democracia e as liberdades ao estado Español. E sobre todo nestes momentos de auxe da ultradereita.

Suscríbete para seguir leyendo