A rede de aulas de capacitación dixital da Xunta suma 16 centros e chega a 71

B. C. [ a coruña]

A Xunta de Galicia incorpora 16 novos centros á Rede de Capacitación Dixital, de tal forma que son xa 71 os centros que imparten ensinanzas para persoas adultas de educación secundaria, bacharelato ou FP, que dispoñen destas aulas. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina un total 1.230.875 euros para o conxunto destes espazos.

Esta actuación pon ao servizo da cidadanía as infraestruturas e dotacións dos centros educativos para formarse nas competencias dixitais transversais necesarias para desenvolverse de forma cotiá nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, na que servizos esenciais, tales como a banca, o acceso ás administracións públicas ou o consumo se realizan de forma telemática.

As actividades van dirixidas, preferentemente, ás persoas maiores de 55 anos cun nivel baixo de cualificación neste eido, atendendo especialmente a fenda de xénero, á poboación vulnerable e ás zonas rurais, de acordo co establecido na Estratexia Edudixital 2030, que ten como eixo segundo a mellora das competencias dixitais da cidadanía no ámbito das súas competencias.

Durante o seu primeiro ano de funcionamento formáronse en competencias dixitais básicas nas 55 aulas habilitadas na primeira convocatoria un total de 2.409 persoas e agárdase chegar a 2.792 ao longo do ano 2024.

Os novos centros que se incorporaron este curso a esta iniciativa son o IES Punta Candieira (Cedeira), IES Arcebispo Xelmírez e IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), CIFP As Mercedes (Lugo), IES Muralla Romana (Lugo), CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CIFP A Carballeira, CIFP A Farixa e IES Universidade Laboral (Ourense), IES Chan do Monte (Marín), CIFP A Xunqueira e CIFP Montecelo (Pontevedra), IES de Vilalonga (Sanxenxo), CIFP Valentín Paz Andrade e IES A Guía (Vigo) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

Pontevedra é a provincia onde máis centros hai que forman parte desta Rede de Capacitación Dixital, con un totla de 27, seguida de A Coruña, que conta con 21 centros. Lugo ten inscritos 4 e Ourense un total de nove.