Arantza Portabales, premio Clubs de Lectura por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP anuncia que a escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024 por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso escolar. Arantza Portabales é unha das autoras máis seguidas polo lectorado xuvenil galego. Comezou a escribir en 2013 no xénero do microrrelato. No 2015 publica o seu primeiro libro en galego e colleita case unha decena de galardóns, como o premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago con Deixe a súa mensaxe despois do sinal ou o premio Manuel Murguía de relato con Xanelas, entre outros.