A Real Academia Galega e a Xunta renovan o convenio para o uso das instalacións no Gaiás

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinaron onte a renovación por catro anos do convenio en virtude do cal desenvolven o seu traballo na Cidade da Cultura os Seminarios de Lexicografía, Sociolingüística e Onomástica da Real Academia Galega. A RAG e a Xunta asinaron en 2014 o acordo que permite que parte do persoal da Academia desenvolva o seu labor nas dependencias da Biblioteca de Galicia. Víctor F. Freixanes agradeceu a colaboración do Goberno galego na cesión destes espazos e convidou ao conselleiro a visitar as instalacións da RAG na Coruña, provisionalmente no polígono industrial de Pocomaco, á espera da finalización das obras de rehabilitación da sede histórica da rúa Tabernas. “Gustaríanos unha visita oficial do novo conselleiro ás dependencias da Academia e poder falar de proxectos futuros, e mesmo da posibilidade de dar un salto cualitativo nas estratexias de promoción e defensa do idioma”, expresou Víctor F. Freixanes.