Aprobada unha liña de axudas a 20 editoriais para a tradución de 83 obras

Destínase 200.000 euros a esta convocatoria

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude concede axudas a 20 editoriais para a tradución de 83 obras, tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG). En total, a orde de axudas destinaba 200.000 euros a esta convocatoria co obxecto de favorecer que as obras galegas se editen noutras linguas ao tempo que se fomenta a tradución.

A maioría das obras foron presentadas para a súa tradución ao galego, agás cinco ao inglés; sete ao castelán; e dúas ao portugués. Os libros adxudicatarios destas axudas están escritos orixinalmente en 10 idiomas: inglés, castelán, galego, catalán, francés, alemán, neerlandés, sueco, portugués e esloveno.

As axudas, que forman parte do Plan de Impulso do Libro Galego, teñen como obxectivo apoiar que as empresas editoriais galegas conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción ao tempo que se favorece que os galegos poidan acceder en lingua galega a títulos significativos producidos noutras linguas.