Dous novos proxectos audiovisuais verán a luz da man de cineastas galegas emerxentes

As ourensás Alba Araújo e Raquel Nogueira están traballando en dous guións iniciais para unha serie e unha comedia documental, tras gañar as axudas da Xunta

adriana quesada

Alba Araújo e Raquel Nogueira son dúas guionistas ourensás que están levando a cabo novos proxectos de guións audiovisuais. No caso de Alba Araújo trátase dunha serie de televisión, Los estudios, mentres que Raquel Nogueira está creando unha comedia documental que se titulará presumiblemente La historia entre tus piernas.

Los estudios é unha serie de época inspirada en feitos reais acontecidos na España dos anos sesenta. Segundo indica a memoria do proxecto, a serie trata sobre “un estudio de cine que abre as súas portas nun país que vive de costas ao mundo e que está baixo as ordes dun ditador. En medio de todo isto, unha teimuda administrativa consegue destacar na complexa industria do celuloide e introdúcese nunha rodaxe tan espectacular como ruidosa”.

Alba Araújo sinalou a que esta serie estivo pasando por varias fases de cambios, unha delas despois de ter o recoñecemento de DAMA (Derechos de Autor de Medios Audiovisuales) nunha convocatoria de formación, Dama Ayuda Series, na que tivo a titoría da guionista Arantxa Cuesta.

Por outra banda, Raquel Nogueira iniciouse de nena no mundo da arte. Con só cinco anos comezou a estudar canto e piano. Máis adiante, empezou a facer teatro e, finalmente, estudou interpretación na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid. Traballou con compañías como a Fundación Siglo de Oro e formou parte do elenco de coproducións entre España e o Globe´s Shakespeare Theater en Inglaterra.

No seu caso está a desenvolver unha comedia documental e historicista sobre a historia das mulleres dende o inicio dos tempos e, nun principio, esta recibe o nome de La historia entre tus piernas. O proxecto está baseado na súa exitosa webserie Historias Vageniales, traballo gañador dun Premio Mestre Mateo á mellor serie web de 2023. Nesta produción de comedia pensada para Instagram, a “vulva” de Raquel Nogueira reflexiona desde unha perspectiva feminista sobre pequenas e grandes cousas que, dalgunha maneira, son tabú na sociedade.

Gañadoras de axudas

Ambas guionistas resultaron primeiras clasificadas na liña de axudas dirixidas á escritura de guións audiovisuais convocadas pola Xunta de Galicia no pasado mes de decembro. Estas perseguen o fomento do audiovisual desde a primeira fase do proceso creativo para darlle ánimo ao traballo de guionistas noveis e máis experimentados.

“Faime moita ilusión non só o recoñecemento, senón tamén compartilo cunha compañeira como é Raquel Nogueira. Estou moi agradecida e creo que é unha forma moi interesante de promover o talento galego”, explica Alba Araújo. Ambas formaron parte do equipo de guión da serie Ghuasapp, unha comedia familiar producida por CTV para Televisión de Galicia.

“Non me esperaba quedar nin de primeira nin de ningunha forma. Estou moi feliz porque é un proxecto que quero levar a cabo si ou si e isto resulta unha grande axuda”, explica Raquel Nogueira.