O “nipogalego” Takekazu Asaka, novo membro de honra da Real Academia Galega

A. G.

O lingüista e profesor xaponés Takekazu Asaka, embaixador da lingua e da cultura galegas en Xapón, que se autodenomina como “nipogalego”, é desde onte novo académico de honra da Real Academia Galega (RAG) e foi recibido como tal no acto que se celebrou no Auditorio da Xuventude de Cambados.

“Para min, un nipogalego, desde fai anos a lingua propia de Galicia é a miña segunda lingua”, destacou durante o discurso de ingreso ante un auditorio cheo. Para Asaka, ser membro de honra desta institución “é o máximo que podería agardar dunha terra e dunha xente que tan ben me acolleu desde a primeira vez que cheguei aquí”.

O mestre xaponés fixo un percorrido de como chegou a descubrir a lingua galega desde tan lonxe, e incluso, anunciou que, despois de ter traducido obras como Follas Novas de Rosalía ao idioma do país nipón, tiña previsto levar a cabo o mesmo con Samos, o derradeiro poemario de Ramón Cabanillas. Asaka impartiu aulas de lingua e literatura galega no seu país, traduciu tamén ao seu idioma materno obras de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra ou os bardos medievais.