Raquel Fernández | Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

“Quixen poñer o foco no especialmente sensibles que son ao acoso nenos con TDAH”

A súa obra, ‘I’m Obélix’, conta como Isma, de 13 anos, afronta o instituto cunha diagnose

Carolina Sertal

Facendo escala no aeroporto de Suíza, de volta a casa dende Copenhague logo da graduación da súa filla e rodeada da súa familia, Raquel Fernández (Nigrán, 1972) soubo que a súa obra I´m Obélix gañara o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, nova que viviron con moita alegría e emoción.

Agardaba recibir este galardón?

Co que non contaba era con ver a miña obra entre as finalistas o venres anterior, porque sei o que é o Jules Verne, e eu son unha autora descoñecida. Pero tamén é certo que se decidín presentarme é porque sabía que tiña unha boa obra, na que traballei concienzudamente, así que dixen: Vou intentalo! Véndome entre as finalistas, sabía que podía darse, tiña moita ilusión, pero ao mesmo tempo intentaba anticiparme á desilusión. É unha situación especial de vivir.

A historia ten como protagonista a un neno con TDAH, que a inspirou para escribila?

Inflúeme moito ter adolescentes na casa. Os meus fillos lévanse sete anos, co cal levo metida na adolescencia máis dunha década, e fíxome moito nas preocupacións que teñen, ademais, o meu fillo ten TDH. Empecei a ir a unha asociación para axudalo e coñecín a moitos nenos coma el, o mal que o pasan no instituto e o incomprendidos que están. Esa foi a razón, quixen contar unha historia que puxera o foco no especialmente sensibles que son ao acoso nenos con TDAH.Como nai dun neno con TDH, nos institutos atopei que hai moito descoñecemento, custa moito conseguir a diagnose e logo que a xente empatice e faga o esforzo de entender as dificultades que presenta. Hai moito camiño por percorrer.

O xurado destacou a capacidade para empatizar cos adolescentes, o cal non é doado para moitas persoas adultas.

Semella que todo o mundo lle ten moito medo aos adolescentes e falan pestes deles. Vale que son difíciles, pero se os escoitas, que é o que intento facer cos meus fillos, e se recordas como eras ti, non é tan difícil entendelos. Hai que facer ese esforzo, merece a pena, e penso que isto é o que se reflicte no libro.

Dedícase profesionalmente á restauración, como compaxina esa vida coas súas inquedanzas na literatura?

Compaxínoo moi ben a metade do ano. Teño un restaurante en Baiona e no inverno hai pouco traballo, só traballamos as findes. Ao chegar esta época do ano traballo todos os días, non descanso, fago horas como unha condenada, pero a partir de setembro sei que vou ter tempo para min. Non é casualidade que eu escriba agora; escribo agora porque os meus fillos son maiores e xa non me precisan tanto e logo porque o restaurante me permite, neste momento, ter ese tempo a metade do ano.