Abel Tomé | Premio Merlín de Literatura Infantil

“Reflicto como percibe un neno, dunha forma máis sinxela, a guerra ou a emigración”

O xurado define a obra do xornalista como “unha luminosa fábula social” para soñar un mundo mellor

Carolina Sertal

“Unha luminosa fábula social para soñar un mundo mellor”, así define o xurado Milú e o edificio das persoas extraordinarias, do xornalista Abel Tomé (Outes, 1984), que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil 2024.

Como recibiu a nova?

Estaba no cine e tiña o móbil apagado, cando parei a tomar algo xa vin unha chamada perdida de Fran Alonso e xa intuín que pasara algo. Estou moi moi contento.

E como foi o proceso?

A obra tivo unha construción un pouco lenta. Vai soar un pouco idílico, pero comecei a escribila nun tren un Nadal que estaba en Praga. Comecei a apuntar notas sobre a forma de percibir o mundo dun neno e eran como comezos de capítulos. Daquela foi cando comezou a guerra de Ucraína, hoxe podería ter metido Palestina, e dinlle unha volta e reflicto como percibe un neno, dunha forma máis sinxela e de xeito máis lóxico, a guerra ou a emigración. Nun edificio no que todo está desfeito, cheo de maleza, os nenos teñen certas habilidades especiais, falan con insectos, coas plantas... E reflíctese como convive nese edificio xente que vén na procura dunha oportunidade porque tivo que fuxir da guerra, dunha ditadura ou mesmo do cambio climático e, aínda así, son marxinados. É unha homenaxe a todos eses marxinados dende o punto de vista dos nenos e de Milú, o protagonista.

Escribir para crianzas é todo un reto, como o afronta?

Totalmente, ademais eu nas miñas outras obras escribo novela negra, é moi diferente. A primeira obra infantil que escribín foi finalista no Merlín e daquela tiña moitísimas dúbidas. A novela negra lévame a un mundo escuro, meto rabia e o que penso da sociedade, pero aquí hai que cambiar o chip. Na anterior tiven moitas dúbidas, con esta xa sabía cara onde tirar, tiña un guión máis pleno. Aínda así, penso que sempre estou no límite entre novela xuvenil e infantil.

Recentemente foi galardoado co Premio García Barros por A noite do Oso, está en racha.

Vou ter que botar unha terceira a ver se hai sorte (risas). Estou moi contento porque a verdade é que son dúas obras completamente diferentes e antagónicas, e resultaron premiadas. Malia que non me gustan as etiquetas, a outra podería encaixarse na novela negra e esta é un libro infantil, moito máis dinámico e divertido. Descubrín que me divirto moito coa literatura infantil, é algo que non me pasa coas outras. Agora acabo de escribir unha novela de autoficción e paseino fatal. En cambio, escribindo historias para nenos pásoo pipa, sempre fun moi fantasioso, e divírtome moito a pesar de que trate temas delicados, pero a imaxinación desátase e lévame a aquela etapa.