A TVG estrea hoxe o Estudio 300 para o programa especial das Eleccións 18-F

O novo espazo permite eventos presenciais ou híbridos, 3D, realidade aumentada e outros avances

Redacción

O novo Estudio 300, que estrena hoxe a TVG co programa Especial Eleccións do 18-F, será dende agora a casa dos principais formatos de directo da canle autonómica durante a próxima década. Usando as diferentes configuracións que permite o espazo, desde alí faranse informativos, programas culturais e tamén os deportivos da Televisión de Galicia.

O antigo plató 300 databa do ano 2013. Coa actualización deste espazo, que será xa utilizado hoxe coas eleccións ao Parlamento galego, a CRTVG define un novo proxecto de renovación total: estética, tecnolóxica e de fluxos de traballo. O novo estudio global cross-media permite a posta en escena de eventos presenciais ou híbridos, 3D, realidade aumentada e todos os avances tecnolóxicos existentes para unha nova narrativa audiovisual.

Este novo espazo de creación multimedia xira ao redor dunha macrounidade de videowall única en España, libremente configurable, que permite xogar con diferentes encadres de cámara e inserir fondos de distinta natureza (fotos, grafismos, imaxes en movemento, decorados de recreación 3D...), ata conseguir un número ilimitado de deseños. Este tipo da pantallas forma parte das vangardas audiovisuais dominantes. O estudo é único non só polo seu tamaño, senón tamén pola novidosa disposición da estrutura das pantallas que o compoñen, que combina zonas curvas con rectas libres e encaixes en ángulo, multiplicando posibilidades como ningún outro plató en funcionamento na actualidade entre as cadeas da contorna.