Alba Mancebo | Presentadora de ‘Nin o imaxinas’, o innovador programa da TVG das noites dos domingos feito con realidade virtual

“Imos descubrir cousas sorprendentes, reviviremos feitos que fixeron historia e procesos naturais que non vemos a simple vista”

Mañá ás dez da noite, a TVG estrea ‘Nin o imaxinas’ a nova proposta que combina a realidade virtual con reportaxes que abordan dende feitos que fixeron historia en Galicia ata os que, de momento, só podemos imaxinar | Neste primeiro programa se recreará a ponte ideada para unir Ferrol e A Coruña

Que pensas que pode aportar un programa con realidade virtual á TVG?

Penso que é algo que vai chamar moito a atención porque non hai moitos programas que a utilicen polo momento. Ademais eu son bastante fan de outros programas do tipo que se fan noutros lugares. E creo que esta tecnoloxía vai permitir que os espectadores vexan cousas que a día de hoxe non están construídas, ou descubrir de preto elementos naturais que non vemos a simple vista, vivir feitos que ocorreron hai centos de anos…

Que tipo de contido aborda Nin o imaxinas?

Partindo da base de que é un programa de entretemento, non deixa de lado a vocación de servizo público e leva a cabo tamén un labor divulgativo e informativo. O que se lle chama infotainment. Imos atender temas relacionados coa natureza, co medio ambiente, coa climatoloxía e co noso redor en xeral. Utiliza esa realidade virtual da que falamos para representar feitos ou lugares, apoiada por reportaxes das que forman parte tanto a opinión de persoas expertas na materia coma a da xente da rúa.

Ves a realidade virtual como unha nova forma de facer televisión?

Non a vexo como unha substitución do que se leva facendo décadas, pero si creo que é unha ferramenta que dá moito xogo á hora de crear contido dunha forma amena e orixinal. A tecnoloxía hai que vela sempre como un apoio, como algo que nos dá melloras.

Que cometido ten en Nin o imaxinas?

Nin o imaxinas vainos permitir descubrir o que non agardabamos ver no futuro máis próximo, imos poder vivir feitos do pasado e do futuro, descubrir procesos naturais desde dentro… E, como nos gusta dicir no programa, facer posible o imposible! O propio título do programa xa vos di que nin o imaxinades.

Como se define o teu papel como presentadora do programa?

Pois ten dúas vertentes, desde o meu punto de vista. A primeira é que son unha condutora do programa, do xeito máis tradicional. A segunda? Que vou ser a vítima —ou mellor dito: a afortunada— que se vai ver metida en todas esas situacións e escenarios. E todo iso sen meter un pé fóra do estudio.

Ti, acostumada a gravar en estudio ou en exteriores, como levaches este novo reto?

Teño que dicir que eu son máis bicho de rúa, pero xa ides ver que, grazas á realidade virtual, vou poder pasear por toda Galicia sen saír do estudo… Desde logo, estar nun plató virtual é un gran desafío, hai que botarlle ganas e imaxinación, e diso teño abondo.

Como foron as gravacións? Supuxo un esforzo engadido estar nun plató virtual?

As gravacións, evidentemente, foron un reto porque é algo moi innovador ao que non estou afeita pero a verdade é que me sentín bastante cómoda. Creo que o equipo técnico fai un moi bo traballo e, a pesar de ser un esforzo engadido, penso que o resultado vai ser moi destacable e que o imos pasar tamén moi ben gravando este programa.

Que pensaches cando cho propuxeron?

Cando mo propuxeron, o primeiro que sentín foi algo de medo porque me parece un proxecto bastante grande e esixente, pero ese foi o pensamento dos primeiros segundos porque despois o único que tiven foi ilusión e ganas de empezar.

Que esperas que suscite Nin o imaxinas nos espectadores?

Moita curiosidade porque a verdade é que non é para menos. Imos seguir a tónica do “nunca visto” en cada un dos programas.

Que vamos poder ver mañá en Nin o imaxinas?

No primeiro programa poderemos ver con todo detalle como sería a ponte ideada para unir Ferrol e A Coruña, reviviremos o famoso terremoto de Triacastela do 1997 e visitaremos Muxía para lembrar a destrución do santuario por un raio en decembro de 2013, entre outras moitas cousas máis ás que teredes que estar atentos.