A empresa galega Igalia acolleu esta semana nas súas instalacións da cidade da Coruña o GTK+ Hackfest 2010, un encontro de desenvolvedores de software libre.

As sesións de traballo centráronse na preparación da próxima versión da biblioteca GTK, parte central do entorno de escritorio GNOME e peza fundamental dos máis populares sistemas operativos baseados en Linux, segundo indican os organizadores.

A biblioteca GTK é un dos compoñentes principais do sistema de escritorio da plataforma MAEMO, deseñada para dispositivos móbiles

como por exemplo a serie N800, N810 e N900 de Nokia.

O encontro contou coa participación de programadores de 8 países distintos, membros de todo tipo de empresas relacionadas co software

libre, dende multinacionais como Samsung ou Intel ata pequenas e medias empresas especializadas en software libre como a propia Igalia.

Este tipo de encontros amósase como unha peza fundamental na organización das comunidades de software libre, xa que a maior parte do tempo trabállase en remoto, cada un dende o seu país, segundo indican desde Igalia. "Estas reunións facilitan o contacto persoal e créase o ambiente idóneo para que os hackers poidan concentrarse nas tareas técnicas, reunións, planificación, ...", explican os promotores do Gtk+Hackfest.

Para a realización deste evento Igalia contou co apoio da GNOME Foundation, pero tamén se involucraron empresas de todo o mundo, como Lanedo and CodeThink, entre outras.

Desta forma Igalia continúa a súa aposta no apoio da colaboración entre as empresas que traballan no desenvolvemento de software libre,

que se materializará de novo no próximo mes de decembro nunhas sesións de traballo adicadas á mellora de WebKit, software usado en

navegadores web en sistemas Linux e en produtos de empresas como Google, Apple ou Nokia entre outras.